ALCALDÍA

O Concello avanza na tramitación da solicitude da declaración de Vite como ARI

18/10/2012 O alcalde compostelán, Ángel Currás, recibiu a Asociación de Veciños de Vite. Na reunión tamén participaron os concelleiros de Urbanismo, María Pardo, e de Barrios, Juan de la Fuente.

Os representantes veciñais puideron expoñerlle ao alcalde e aos concelleiros as demandas máis prioritarias para o barrio en materia de servizos ou arranxos de beirarrúas ou vieiros. Ademais, no encontro falouse dos trámites, iniciados polo Concello, para solicitar a declaración de Vite como área de rehabilitación integral (ARI).

Esta declaración, tal como indicou o alcalde ao remate da xuntanza, permitiría aos veciños de Vite acceder a subvencións de ata o 60% para obras de mellora da accesibilidade, como a instalación de ascensores. Neste sentido, puxo como exemplo o veciño barrio de Vista Alegre e demandou tamén para as vivendas de Vite, con xa moitos anos, a súa "adaptación á realidade do século XXI".

Outro dos temas tratados foi o da redución do tráfico pesado que circula polo barrio. Ángel Currás confía en que a futura variante de Aradas poida paliar este problema en boa medida.

Compartir: