XUVENTUDE

Comeza o Curso de Iniciación ao Cómic organizado pola Concellería de Xuventude

17/10/2012 A Concellería de Xuventude pon en marcha un Curso de Iniciación ao Cómic. Esta convocatoria responde a unha demanda das asociacións xuvenís e estudantes dos centros de ensino, que atopan no cómic unha temática que pode axudar á súa formación e a unha mellor ocupación do seu tempo libre.

O xoves 18 de outubro comeza este Curso de Iniciación ao Cómic, impartido polo artista Miguel Ángel Vigo Baleirón. Realizarase no IES de Sar, xa que está especialmente pensado para os alumnos que cursen o Bacharelato Artístico neste centro.

O curso ten unha duración de 16 horas e celebrarase ata o 15 de novembro, con sesións os luns e os xoves de 17:00 a 19:00 horas. A actividade é de balde.

Nesta proposta didáctica realizarase unha aproximación ao mundo da banda deseñada a través do emprego de diferentes técnicas, da visión e estudo dos diferentes autores, estilos dos debuxantes, técnicas narrativas. O resultado final será a elaboración dun cómic, coa posibilidade de realizar unha exposición cos traballos xurdidos do curso.

Miguel Ángel Vigo Baleirón nace en Rois en outubro de 1981. No ano 2002, despois de estudar escultura na Escola de Arte Mestre Mateo, viaxa a Friburgo, onde gaña o primeiro premio no concurso internacional Europäische Steinmetz Tage. No 2009 licénciase en Belas Artes na facultade de Pontevedra, onde é seleccionado para participar na exposición Miraxes. Artistas emerxentes de Galicia e Portugal", realizada pola Xunta de Galicia. Participa desde entón en diferentes exposicións colectivas compartindo salas con artistas de nome internacional.

Compartir: