TURISMO

Unha delegación do Ministerio de Turismo de Israel visita o Concello

17/10/2012 A concelleira de Turismo, Reyes Leis, recibiu no Pazo de Raxoi a representantes do Ministerio de Turismo de Israel, que están en Galicia para coñecer de primeira man os modos de promoción do Camiño de Santiago, para aplicalos á Ruta do Evanxeo.

Na recepción estiveron o responsable do departamento de Turismo Relixioso, Uri Sahron, e a directora da Oficina de Turismo para España e Portugal, Dolores Pérez. A continuación fixeron unha visita a cidade acompañados por técnicos de Turismo de Santiago, que formaba parte do amplo programa de actividades deseñado polo Xacobeo.

The Gospel Trail –a Ruta do Evanxeo- é unha rede integrada de camiños que dende Monte Precipicio, nas aforas do sur de Nazareth, chega a Cafarnaún, na costa do Mar de Galilea. A ruta foi inaugurada en 2011 polo Ministerio de Turismo israelí coa idea de recuperar unha antiga ruta relixiosa e cultural. Transcorre a través das paisaxes naturais que foron o fogar de Xesús e onde tiveron lugar e inspiraron as súas ensinanzas e parábolas.

O motivo da visita é aprender da experiencia galega na promoción, mantemento e desenvolvemento do Camiño e establecer un protocolo de colaboración entre ambas vías de peregrinacións que recolla ideas como a de crear oportunidades de intercambio cultural en base ás figuras de Xesús e o Apóstolo Santiago, intercambiar información para canalizar posibles inversións de turismo, cooperar na promoción das rutas e estudar actividades conxuntas a nivel global que beneficien ás dúas peregrinacións.

Compartir: