CURTOCIRCUITO

O concurso Compostela Plató xa ten guión gañador

10/05/2006 O guión titulado "Bichos Raros", de Estíbaliz Burgaleta e Alegría Collantes, de Madrid, foi o gañador do concurso Compostela Plató, que este ano recibiu 143 guións procedentes de toda a xeografía española. O guionista elixido terá como premio a rodaxe completa da curtametraxe a partir do seu propio traballo. O filme estrearase, a escala internacional, na Gala de Clausura de Curtocircuito, o 21 de outubro de 2006.

As autoras do guión chegarán en breve a Santiago de Compostela para comezar os traballos de guión definitivo e preprodución da curtametraxe. A rodaxe está prevista para as primeiras semanas do mes de xuño na cidade. Para iso contará con toda a axuda técnica precisa e cun importante orzamento. "Bichos raros" é a historia de tres habitantes nun ecosistema "normal" que lles é hostil e que elixen tres formas distintas de vivir a súa vida, como reza a súa sinopse.

O guión gañador foi elidido por un xurado formado por personalidades dos ámbitos audiovisual e literario: Álex Sampayo, director e guionista; Isabel Blanco, actriz; Jorge Coira, director; Manuel González, asesor de Comunicación Audiovisual da Xunta de Galicia; Julio Casal, produtor e coordinador do Festival; e Antonio Mugico, coordinador executivo do Festival.

O III Festival Internacional de Curtametraxes de Santiago de Compostela, Curtocircuíto’06, que se vai celebrar na capital galega do 17 ao 21 de outubro de 2006, conta, ademais, cun concurso de curtametraxes e un concurso de micromovies, de ámbito internacional, cuxo prazo de inscrición ficará aberto até o 30 de xuño. Até o momento téñense recibido curtas de Corea do Sur, Australia, México, Palestina, EE.UU, Suíza, Reino Unido ou Francia, ademais de España.

As actividades do CurtoCircuíto’06 acaban de comezar e prolongaranse todo o verán coas proxeccións nas rúas do casco antigo de Compostela (Curtocircuíto na Rúa) e o I Mercado Internacional de Curtametraxes, que se celebrará na cidade, parello ao festival, así como varios obradoiros, destinados ao público interesado na formación audiovisual.

O Festival Internacional de Curtametraxes CurtoCircuíto´06 é unha iniciativa da Santiago de Compostela Film Commission, xestionada por Ficción Producciones, apoiada polo Concello de Santiago e patrocinada pola Deputación da Coruña e a Fundación Caixa Galicia.

Compartir: