CULTURA

As Xornadas de Música Contemporánea programan 13 concertos en diferentes espazos da cidade do 23 ao 31 de outubro

16/10/2012 O director-xerente do Auditorio de Galicia, José Víctor Carou, presentou no Auditorio de Galicia as Xornadas de Música Contemporánea que se celebrarán do 23 ao 31 de outubro en diferentes lugares da cidade. Na presentación estivo acompañado de representantes das outras institucións que coorganizan e colaboran na actividade: o director do CGAC, Miguel von Hafe; a directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura, Beatriz González Loroño; o vicerreitor de Estudantes, Cultura e Formación Continua da USC, Francisco Durán; a xerente do Consorcio de Santiago, María Antón; e Miguel Fariña, director do Conservatorio Profesional de Música.

Froito e consecuencia do pulo que nos últimos anos tivo en Galicia a interpretación, experimentación e creación na música contemporánea actual e do século XX nacen en Santiago de Compostela estas novas Xornadas de Música Contemporánea. O cartaz inclúe a algúns dos conxuntos e artistas máis preocupados e activos na difusión da música contemporánea en Galicia (Ensemble s21, Taller Atlántico Contemporáneo, Vertixe Sonora Ensemble, Elisa Vázquez Doval, Diego Ventoso, Ton Risco ou Jacobo de Miguel), aos que se suman as visitas de músicos de prestixio como o dúo californiano Barn Owl ou o madrileño Trío Arbós, e agrupacións e orquestras nacidas ao abeiro de institucións da nosa terra como a Real Filharmonía de Galicia, a Orquestra Sinfónica de Galicia (representada polos seus grupos de cámara), o Grupo de Danza Contemporánea do Conservatorio Profesional de Danza de Lugo e a Orquestra do Espazo de Cámara da Universidade de Santiago.

O variado programa destas Xornadas de Música Contemporánea de Santiago ten na música dos séculos XX e XXI un amplo campo de traballo co que chegar á maior cantidade de público posible. O diálogo está servido en propostas que inclúen a danza, o audiovisual, a inspiración en xéneros como o jazz, o rock e outros xéneros nas periferias da música moderna como o drone (Barn Owl) e achegas didácticas. Dende os clásicos do século pasado ata as vangardas e as propostas máis experimentais, o programa inclúe ademais a estrea absoluta e estreas en España de obras de autores como Kaija Saariaho, Juanjo Colomer, Volodymyr Runchak, Javier López de Guereña e Wladimir Rosinskij. A clásicos como Ravel, Debussy, Shostakovich ou Bartók, únense figuras transcendentais da música da segunda metade do século XX como Glass, Xenakis, Ives, Takemitsu ou Boulez e singulares achegas como as de Corigliano ou Matalon e as de novos valores internacionais (That Tiet, Billone, Steen-Andersen, Runchak, Djordjevic…), nacionais (Colomer e Torres) e galegos e residentes en Galicia, representados nos nomes de Fernando Buide, Wladimir Rosinskij, Jacobo de Miguel ou Ton Risco. Dun protagonismo especial gozará o norteamericano John Cage, persoeiro singular de quen neste 2012 se conmemora o centenario.

Colaboración e diálogo institucional
Estas Xornadas retoman un camiño de colaboración iniciado en 1987 na Universidade de Santiago de Compostela, cando o profesor Carlos Villanueva como encargado de actividades culturais, en colaboración co Centro para a Difusión da Música Contemporánea dirixido por Tomás Marco e co compositor vigués Enrique X. Macías (Vigo, 1958-1996) como director artístico, puxeron en marcha as I Xornadas de Música Contemporánea. Este traballo na procura da difusión da música contemporánea continuaría nunha segunda etapa en colaboración co Centro Galego de Arte Contemporánea con Manel Rodeiro como responsable do departamento de música e director artístico das xornadas.

Organizadas conxuntamente polo Centro Galego de Arte Contemporánea, a Universidade de Santiago de Compostela, o Auditorio de Galicia e o Concello de Santiago, estas xornadas constitúen un exemplo de diálogo entre institucións esenciais da cidade de Santiago e contan tamén coas colaboracións fundamentais do Consorcio de Santiago, o Consorcio para Promoción da Música de A Coruña, a Cidade de Cultura, a Xunta de Galicia, o Conservatorio Profesional de Música de Santiago, o Conservatorio Profesional de Danza de Lugo e o Centro Nacional de Difusión Musical.

Entradas e abonos á venda`
As entradas poden mercarse na billeteira do Teatro Principal que está aberta de martes a sábado de 18:00 a 21:00 horas. As entradas para os Seráns do TAC poden mercarse na web www.servinova.com. Son de entrada libre os concertos de Elisa Vázquez Doval; o Trío Arbós e a Orquestra do Espazo de Cámara da USC. Para o resto de concerto, o prezo xeral é de 3 euros, a excepción dos Seráns do TAC que son a 5 euros e o concerto da Real Filharmonía de Galicia, 6 euros.

Hai dúas modalidades de abono, dentro dos cales entran todos os concertos a excepción dos Seráns do TAC: abono para catro concertos (a escoller entre os que son de pago) cun custe de 10 euros; e o abono para os 8 concertos de pago que ten un custo de 18 euros.

Documentos relacionados



Compartir: