ALCALDÍA

A nova estación intermodal do Hórreo responderá ás necesidades da cidade e ás condicións reais de mobilidade da zona

16/10/2012 Unha solución adaptada ás necesidades de hoxe de Compostela. Este será o obxectivo sobre o cal traballará a comisión técnica constituída en Raxoi entre Concello, Xunta e Ministerio de Fomento para a definición das características que deberá reunir a futura estación intermodal de Santiago, segundo anunciou o alcalde, Ángel Currás, ao remate da reunión entre as tres Administracións celebrada en Raxoi.

Esta comisión técnica elaborará un plan funcional e un estudo de mobilidade, co obxectivo de telos listos antes de que remate 2012. Deste xeito, segundo indicou o alcalde, a redacción do proxecto definitivo da estación podería estar adxudicada antes do remate do primeiro semestre de 2013.

Ángel Currás defendeu unha estación "axustada ás necesidades da cidade" e en base a unha "reflexión seria sobre os aproveitamentos e usos desta zona agora colapsada polo tráfico". Neste sentido, insistiu en descartar a edificabilidade prevista inicialmente para a infraestrutura e os usos comerciais e residenciais na dimensión proxectada.

Reiterou a importancia dun estudo de mobilidade da zona e puxo como exemplo que por aí van pasar uns 500 autobuses e uns 80.000 vehículos diarios. A propósito tamén disto, o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, falou de que este é "un punto da cidade complicado" e defendeu a "integración" da futura estación na cidade para "coser" o Ensanche coas Brañas de Sar e coas outras áreas residenciais lindeiras.

Volvendo á definición da estación, o secretario de Estado de Infraestruturas, Transportes e Vivenda, Rafael Catalá, apuntou que a formulación anterior do proxecto "pecaba de exceso de ambición", en referencia aos máis de 50.000 metros cadrados de dimensión e ao custo de máis de 40 millóns de euros. Así, cualificou o seu modelo de financiamento como "pouco sostible" no momento actual, apostando por redefinilo nun contexto de "racionalidade, realismo e austeridade".

Nestes mesmos termos se pronunciou Agustín Hernández, quen avoga por unha estación "viable, intermodal e con total funcionalidade". Insistiu na necesidade do estudo de mobilidade para, a partir de aí, traballar en prol dunha estación "realista", que dea resposta á chegada do AVE e que teña unha funcionalidade intermodal.

Alcalde, conselleiro e secretario de Estado coincidiron na importancia de retomar o diálogo entre Administracións para desbloquear o proxecto. Nesta liña, Ángel Currás amosouse seguro do avance que se producirá coa comisión técnica constituída, afirmando a vontade das tres Administracións de levar a cabo o proxecto no prazo do entorno dos 42 meses previsto no convenio inicial.

Finalmente e sobre os proxectos que se presentaran ao concurso inicial de ideas convocado polo anterior Ministerio de Fomento, o alcalde indicou que "ese concurso realizouse en base a unhas necesidades que hoxe non temos". Por iso e á vista da definición da futura estación que se realice, decidirase se procede unha "adaptación" ou é necesario facer un novo concurso.

A constitución do grupo de traballo sobre a estación intermodal de Santiago realizouse en Raxoi. A formación deste grupo fora anunciada na recente visita ao Concello da ministra de Fomento, Ana Pastor.

Compartir: