FAMILIA

O Multiusos de Sar acolleu unha concorrida festa familiar para recadar fondos destinados á asociación Xuntos Podemos

12/10/2012 Os concelleiros de Familia e Benestar Social, Paula Prado, e de Deportes, Adrián Varela, achegáronse ata a festa benéfica da familia realizada no Multiusos Fontes do Sar con motivo do partido que o Santiago Futsal disputou co Puertollano FS.

O obxectivo desta Festa da Familia era recadar diñeiro para a asociación Xuntos Podemos, cuxo principal obxectivo é axudar ás familias sen emprego e con risco de exclusión social de Santiago de Compostela e arredores. Para que acudira o maior número de xente posible, e en colaboración coa Concellería de Familia e Benestar Social, instaláronse tres inchables xigantes para que os nenos xogaran de forma totalmente gratuíta. O mesmo aconteceu coa zona de lecer que organiza en todos os partidos a empresa Planet Magic.

Foi unha xornada festiva e deportiva á vez. O Santiago Futsal puxo á venda rifas por valor de 2 euros que entraron no sorteo dos seguintes produtos: unha cea no Restaurante Calderón; unha sesión no Spa Balneario Compostela; unha celebración dun aniversario para oito nenos en Planet Magic; unha bandexa de marisco cortesía de Marisco Benavides; unha peza de bacallau de Congelados José Bermudez; un pack de roupa de Lio Lio e merchandising do club.

Foron os propios nenos das categorías inferiores do Santiago Futsal os que venderon as rifas entre o público asistente. O sorteo efectuouse no descanso do partido. E ademais, para completar a festa, o equipo compostelán gañou o seu partido fronte ao Puertollano por 5-1.

Compartir: