XUNTA DE GOBERNO

Máis de 240.000 euros procedentes de remanentes para a reurbanización da rúa Virxe Branca (O Castiñeiriño)

11/10/2012 A Xunta de Goberno Local, na súa sesión ordinaria, aprobou o proxecto definitivo de reurbanización da rúa Virxe Branca, no Castiñeiriño. Ademais, concedéronse subvencións a 14 entidades sociais e aprobáronse diversos convenios en materia cultural.

O proxecto da rúa Virxe Branca foi reformulado, adaptándoo aos prezos de mercado, de xeito que o investimento final será de 240.679 euros. En calquera caso, non se modificou a actuación proxectada nesta rúa do Castiñeiriño, situada entre os SUNP 11 e 12, que inclúe reparacións en canalizacións, beirarrúas e accesos ás vivendas.

O prazo de execución das obras é de tres meses. A licitación poderá realizarse tan pronto se remate o expediente de incorporación de remantentes, a cargo dos cales se financiará esta intervención.

Tamén en Urbanismo, aprobouse a memoria valorada sobre as obras de mantemento e conservación do Polígono Empresarial do Tambre, por un importe de 117.858 euros. Esta actuación ten unha subvención da Xunta de 62.000 euros.

Benestar Social
Outro dos acordos do Goberno local foi o outorgamento de 14 subvencións concedidas a entidades sociais. Distribúense do seguinte xeito: Asociación Galega para a Asistencia e Investigación dos Trastornos da Personalidade (TP – Galicia), 2.000 €; Asociación Fonte da Virxe de Familiares e Amigos dos Enfermos Mentais, 3.500 €; Asociación de Pais de Persoas con Trastornos do Espectro Autista da Provincia da Coruña, 3.000 €; Asociación Banco de Alimentos Rías Altas, 10.000 €; Federación de Asociación de Familiares e Persoas con Enfermidade mental de Galicia (FEAFES-Galicia), 2.700 €; Asociación Voluntarias de la Caridad de San Vicente de Paul, 4.600 €; Asociación de Dano Cerebral de Compostela SARELA, 2.000 €; Escola de Tempo libre e Animación Sociocultural Don Bosco, 2.000 €; Asociación Síndrome de Down Compostela, 10.000 €; Asociación Compostelá de Esclerose Múltiple, 2.700 €; Fundación Secretariado Xitano, 20.000 €; Asociación de Espiña Bífida e Lesionados Medulares, 2.000 €; Universidade de Santiago de Compostela (Programa Ruptura de parella e non de familia, 51.000 €; e Colexio de Avogados, 4.000 €. Aínda quedan outras axudas sociais pendentes, que irán a próximas sesións da Xunta de Goberno.

No ámbito desta mesma Concellería, deuse conta do importe devengado polo Concello no segundo trimestre do ano 2012 polo Servizo de Axuda no Fogar, por un importe de 50.991 euros.

Cultura
En materia cultural, aprobáronse varios convenios a subscribir coas seguintes entidades: Asociación do Traxe Galego, 4.250 €; Asociación Cultural Cidade Vella, 10.200 €: e Asociación Económica de Amigos do País, 6.000 €. Xa por urxencia, deuse conta doutro convenio, neste caso coa Asociación de Escritores en Lingua Galega, por 3.000 €.

Centros Socioculturais
Seguindo con convenios, deuse conta da sinatura do acordo de colaboración entre o Concello e a Deputación da Coruña para financiar o sostemento do Centro Sociocultural e Xuvenil do Ensanche durante o ano 2012. A achega da Deputación é de 144.000 euros, que permiten soster os salarios de tres conserxes, dous animadores socioculturais e un auxiliar administrativo, así como mantemento e subministros.

Barrios
A proposta do concelleiro de Barrios, abriuse o procedemento de contratación doutro paquete de obras do seu Departamento. Nesta ocasión, as actuacións afectarán ao barrio do Castiñeiriño e o tipo de licitación é de 102.308 euros. Realizaranse obras nos vieiros da Urbanización Alta Vista, nas pistas autopista-travesa do Casal e travesa do Combarro e en Divina Pastora-campo de fútbol.

Ademais, adxudicáronse as obras previstas en San Lourenzo, A Choupana e Conxo, por importe de 40.000, 30.000 e 5.700 euros, respectivamente.

Deportes
En Deportes, aprobouse a concesión das subvencións de escolas deportivas para o ano 2012, co seguinte reparto: Club Deportivo Compañía de María, 1.037 €; Club Baloncesto Cluny, 3.061 €; Adeas CP Apóstolo Santiago, 166 €; Club Deportivo López Ferreiro, 1.786 €; Club Deportivo Conxo, 1.705 €; e Sociedade Deportiva Villestro, 700 €.

Nesta mesma Concellería aprobouse a concesión das instalacións deportivas á Federación Galega de Fútbol e á Federación Galega de Baloncesto para a temporada 2012/13. Ademais, cédese á primeira o Estadio de San Lázaro para a celebración, o 11 de outubro, da final da Copa da RFEF na súa fase autonómica, que disputarán o Cerceda e o Rápido de Bouzas.

Subtracción de material
Na sesión tamén se deu conta da subtracción de equipos de son nas dependencias da Concellería de Xuventude situadas no anexo do CEIP Apóstolo Santiago. A falta deste material, comunicada á Policía Local, detectouse cando se ía trasladar este material ao novo Centro Sociocultural de Santa Marta.

Glorietas das Cancelas
Finalmente, iniciouse o trámite para proceder á recepción das obras das dúas glorietas realizadas no entorno do novo Centro Comercial As Cancelas. Así, a totalidade de vieiros poderán abrirse ao tráfico na vindeira semana, unha vez realizadas algunhas pequenas obras nelas para atender algunha demanda veciñal.

Documentos relacionados



Compartir: