PLENO

As arcas municipais pagaron 2.247 facturas a 256 provedores dende xullo de 2011

11/10/2012 O Pleno da Corporación, nunha sesión extraordinaria, aprobou definitivamente a conta xeral do exercicio 2011. Esta reflicte un resultado orzamentario positivo de algo máis de seis millóns de euros.

A concelleira de Facenda, Cecilia Sierra, explicou as principais magnitudes da conta xeral de 2011 e aproveitou a súa comparecencia para ofrecer datos relativos ao esforzo realizado polo Goberno local para pagar as cantidades adebedadas aos provedores e así contribuír a aliviar a súa situación nestes momentos de crise económica. Así, segundo indicou, dende a toma de posesión da nova Corporación en xullo de 2011, a Tesourería municipal pagou un total de 2.247 facturas, feito do que se beneficiaron ata 256 provedores.

Volvendo á conta xeral do exercicio 2011, Cecilia Sierra lembrou que a mesma constata unha mellora dos niveis de solvencia e unha redución do endebedamento, se ben se segue arrastrando un remanente negativo de tesourería, aínda que menor. Así, a liquidación recollida na Conta reflicte un resultado orzamentario positivo de 6.013.631 euros. Non obstante, o remanente negativo de tesourería rexistra un resultado negativo de -1.401.111 euros, se ben se reduciu en case un 50% este remanente negativo, que en 2010 fora duns 2,5 millóns de euros.

A estabilidade orzamentaria cifrada pola Conta Xeral establécese en 1.505.303 euros e o aforro neto en 6.237.303 euros. Outro aspecto a ter en conta é o dos indicadores orzamentarios e financeiros. Así, rexístrase unha mellora da autonomía total, pasando dun ratio de 0,69 a 0,88 respecto ao exercicio 2010. Igualmente, a autonomía fiscal mellorou dun 0,45 a un 0,52.

O dato negativo neste capítulo segue sendo o da liquidez inmediata, que diminuíu dun 0,37 a un 0,34. Pero positivo é o dato da solvencia, que se incrementou dun 1,36 a un 1,73. O endebedamento por habitante reduciuse, pasando dos 697,58 euros de 2010 aos 670,82 euros de 2011.

Tras a súa aprobación polo Pleno, esta conta xeral remitirase ao Consello de Contas e ao Tribunal de Contas.

Compartir: