PROMOCIÓN ECONÓMICA

Empresarios e investigadores unen esforzos

09/05/2006 O concelleiro de Promoción Económica, Xosé Manuel Iglesias, presentou unha xornada da Rede de Cooperación Local, na que tres investigadores da USC darán charlas a empresarios do Polígono do Tambre. O obxectivo destas charlas é darlles a coñecer a oferta investigadora da Universidade compostelán e como esta pode servir para mellorar os seus proxectos empresariais.

A xornada enmárcase na Rede de Cooperación Local, unha iniciativa que pretende estreitar os vencellos entre o tecido económico de Santiago e a Universidade. A Concellaría de Promoción Económica é a encargada de asumir a intermediación entre ambos colectivos para fomentar iniciativas empresariais conxuntas. Deste xeito preténdese solucionar o déficit de coñecemento que existe entre estes dous ámbitos. "Agardo que de todo isto poida saír fortalecido o noso tecido produtivo con novos proxectos", apuntou Xosé Manuel Iglesias.

O achegamento proposto pola Rede permite achegar a oferta dos grupos de investigación da USC e as demandas concretas de tecnoloxía por parte das empresas. Este novo modelo de traballo reverte no incremento do nivel tecnolóxico das empresas, ao tempo que favorece a creación de novos campos de investigación e de desenvolvemento económico.

Acompañaron ó concelleiro na presentación da xornada Manuel Caeiro, presidente da Asociación de Empresarios do Polígono do Tambre, e José Luis Villaverde, do Centro de Innovación e Transferencia Tecnolóxica da USC.

Compartir: