DEPORTES

O torneo internacional de squash "Camiño de Santiago" volve reunir algúns dos mellores xogadores do mundo na pista de Área Central

10/10/2012 O concelleiro de Deportes, Adrián Varela, e o subdirector da Secretaría Xeral para o Deporte, Carlos Gómez, presentaron en Raxoi o Torneo Internacional de Squash PSA "Camiño de Santiago", que se celebrará do 15 ao 20 de outubro na pista de cristal instalada en Área Central. Previamente, do 12 ao 14 de outubro celebrarase o Campionato de España por equipos.

A capital galega volverá a contar con algúns dos mellores xogadores do mundo de squash, unha especialidade que cada día gaña máis adeptos. Unha edición máis, o Squash Santiago, que este ano celebra o seu 30 aniversario, faise cargo da organización do torneo internacional.

Ao evento acudirán xogadores dos cinco continentes. Nesta sexta edición, os catro primeiros cabezas de serie están entre os vinte mellores xogadores do mundo. Destaca, unha vez máis, o favorito da afección local, Borja Golán, que defenderá o título que gañou na mesma pista de Área Central na edición de 2011.

Esta competición é a máis importante de España e unha das máis relevantes en Europa. Ademais, o seu marco, a pista de cristal de Área Central, faina un evento especialmente atractivo para o público, que pode gozar coa mellor visibilidade da rapidez e dinamismo deste deporte.

Campionato de España por equipos
A actividade na pista de cristal, compartida neste caso coas pistas do Squash Santiago no Milladoiro, comezará o venres 12 de outubro co Campionato de España de squash por equipos. As semifinais e a final serán o sábado pola tarde en Área Central. O Squash Santiago defende o título logrado en 2011 en Xixón. De gañar de novo, sería o cuarto título español por equipos consecutivo.

Direcciones relacionadas



Compartir: