BENESTAR SOCIAL

Unha nova campaña quere sensibilizar os mozos sobre a necesaria conciliación entre lecer nocturno e descanso veciñal

10/10/2012 A Unidade Municipal de Atención a Drogodependentes (UMAD) pon en marcha unha nova campaña destinada a concienciar aos mozos e mozas da necesidade de conciliación entre o seu lecer e o descanso dos veciños de Santiago. 1.500 carteis e 5.000 postais informarán á mocidade das sancións por condutas relacionadas co ruído ou co consumo de alcohol na rúa.

Na presentación da campaña, a concelleira de Benestar Social, Paula Prado, apuntou certo cambio de hábitos entre os estudantes a raíz da posta en marcha polo Goberno local de medidas para erradicar o consumo de alcohol na vía pública. Así, obsérvase un incremento das festas en pisos en paralelo á redución significativa das infraccións na rúa.

Segundo os datos da Policía Local, mentres en outubro de 2011 houbo 50 actuacións en pisos, en setembro de 2012 esta cifra subiu ata as 58. Pero o incremento máis importante deuse no número de propostas de sanción, que pasou de 15 a 35. Tómanse como referencia estes dous meses por ser os de inicio dos cursos universitarios 2011-2012 e 2012-2013, respectivamente.

As sancións previstas por ruído oscilan entre os 60 e os 1.500 euros. A proposta habitual é dunha sanción de 100 euros, se ben houbo xa un reincidente ao que se lle impuxo a multa máxima. Á vista destes datos e tendencias, a concelleira aposta por "sensibilizar os mozos sobre a necesidade de facilitar lograr unha boa convivencia entre os que se divirte e os que queren durmir".

Carteis e postais para a sensibilización
A UMAD editou un cartel no que, seguindo o modelo do cómic 13 Rue del Percebe, se amosa o inmoble 32 Rúa do Silencio. Este edificio reproduce as condutas e incidencia nos veciños do ruído, que pode proceder tanto dos locais nocturnos como da propia rúa. No reverso do cartel infórmase sobre as sancións nesta materia.

Tamén se editaron unhas postais nas que se detallan as sancións por condutas como beber ou ouriñar na vía pública. Estas tarxetas repartiranse entre os mozos e mozas, especialmente en noites de especial afluencia destes, como a prevista para este mesmo xoves 11. "Cómpre lembrarlles aos mozos que deben cumprir coas normas de convivencia", indicou Paula Prado.

Redución das infraccións
A edil aproveitou a rolda de prensa para ofrecer datos sobre as sancións por consumo de alcohol na vía pública. Entre setembro e decembro de 2011 –cando se puxeron en marcha as medidas de control- abríronse 418 expedientes de sanción, dos que 373 eran infraccións á ordenanza local e 45 infraccións á normativa autonómica de prohibición de consumo de alcohol por menores. Dos sancionados, a 168 asignáronselle traballos substitutivos en beneficio da comunidade.

No que vai de 2012 unicamente se tramitaron 50 expedientes de sanción: 40 por infraccións á ordenanza e 10 por consumo de menores. Dos multados, 18 xa teñen en trámite os seus traballos substitutivos. Recordou a edil que as cantidades percibidas a raíz daqueles que prefiren pagar a sanción son destinadas a campañas de prevención.

A propósito desta importante redución no número de infraccións, a concelleira felicitou á Policía Local polo seu traballo –especialmente nos operativos preparados ne noites de gran concentración de mozos- para evitar o consumo de alcohol na vía pública e as festas ruidosas.

Compartir: