CULTURA

As Churras presentan "A Triloxía: Clitemnestra- Electra-As Furias" na Zona "C"

09/10/2012 O director-xerente do Auditorio de Galicia e Xiana Carracelas e Iria Sobrado, dúas das compoñentes do colectivo As Churras presentaron o seu novo traballo, A Triloxía: Clitemnestra-Electra-As Furias, que presentarán este mes na Zona "C". Será os venres, sábado e domingos dende este venres, día 12, ata o domingo 28. Os venres e sábados representaranse, respectivamente, Clitemnestra e Electra ás 20:30; e os domingos poderemos ver As Furias a partir das 19:30 horas.

Con base na Orestíada de Esquilo - dramaturgo da Grecia Antiga, recoñecido como o pai da traxedia -, A Orestíada é transportada ao espazo da Zona "C "coa forma de triloxía, a través das personaxes de Electra, Clitemnestra e As Furias, as personaxes femininas principais de cada unha das tres partes da traxedia.

As Churras, Nerea Barros, Iria Sobrado e Xiana Carracelas, presentan unha proposta de pequeno formato onde se ofrece unha experiencia intimista, de contacto e de intercambio entre o público e os artistas, e onde se mestura a videocreación e a performance. A peza busca compartir a súa propia visión destas tres personaxes da Orestíada de Esquilo, nunha proposta de pequeno formato que mestura a performance e o vídeo.

As Churras. Tres mulleres. 3 nomes. Clitemnestra. Electra. As furias. Tres pezas. Unha historia. Clitemnestra camiña polo espazo. Electra é un vídeo. As furias relinchan. Tres momentos distintos. Tres personaxes unidas nunha grande historia. A Orestíada. No espazo hai un piano. Unha batería. Unha navalla. Pedras. Viño. Lume. Escuridade. Imaxes nas paredes. Clitemnestra espera. No río. No mar. No campo. Na illa. 4 pantallas coa súa imaxe. Electra toca a batería mentres a súa infancia corre pola parede. Moita cor. Case queimada. As Furias fan unha chamada á terra. Trotan. Lume. As churras poñen ovos. E tamén comen millo. Flocos de millo. Despois das performances, millo para todos¡¡. A comer. A falar. A intercambiar historias. Xuntos.
Para rematar compartirán un momento con todos os asistentes. Así o explican elas: "Cociñar algo, ovos, flocos, tal vez uns churros das churras. Traedes algo? Poderiamos facer un pícnic. Beber un pouco. Falar. Contar algo. Todos temos historias".

As entradas poden mercarse na billeteira do Teatro Principal (aberta de martes a sábado de 18:00 a 21:00h) ou na propia Zona "C" (os días do evento a partir das 18:00 horas) a un prezo de 8 euros unha entrada solta; e un bono de 12 euros para poder ver as tres partes da obra.

Compartir: