COMERCIO

O Concello pon a disposición do sector comercial 41 cheques de consultoría gratuíta

09/10/2012 A concelleira de Comercio, Reyes Leis, presentou no Pazo de Raxoi os cheques de consultoría gratuíta que o Concello pon a disposición do sector comercial dentro do Programa Urbana Santiago Norte, cofinanciado con Fondos Feder. Esta acción ten coma obxectivo global mellorar a imaxe e a competitividade dos beneficiarios.

Mediante o cheque accédese á asesoría dun experto que fará un diagnóstico da situación actual do local e fará propostas para a súa mellora. O sector comercial disporá de 41 cheques de consultoría, 21 para a reforma de locais de negocio e 20 para a implantación de Tecnoloxías de Información e Comunicación. A Concellería aproveitará tamén as conclusións destas análises para implantar en 2013 unha liña de axudas para a remodelación de locais e a integración das TIC.

Os cheques para a reforma de locais centrarase en tres pasos: análise do estado actual do local comercial (imaxe xeral do local; puntos febles na súa estética e composición; medición da superficie a traballar); elaboración de informe de necesidades; e elaboración de anteproxecto, desenvolvendo as propostas seleccionadas, incluíndo planos actuais e reformados, alzados e simulacións en 3D do volume do local e orzamento estimado.

Os cheques para a implantación de TIC tamén se centrará en tres pasos: análise da situación actual do local respecto das novas tecnoloxías; análise do programa a seguir; e elaboración do anteproxecto apuntando as solucións tecnolóxicas que poden facer máis eficiente o comercio, incluíndo un orzamento aproximado.

Poden solicitar os cheques de consultoría os establecementos comerciais situados na zona de actuación do Programa Urbana Santiago Norte. O criterio de concesión será a orde entrada das solicitudes no Rexistro municipal. O prazo de presentación das solicitudes abrirase o 11 de outubro e pecharase o 10 de novembro. Os modelos para as solicitudes poden consultarse nas webs do Urbana Santiago Norte e do CERSIA Empresa.

Compartir: