ALCALDÍA

Representantes das casas museo de escritores de España e Portugal reúnense en Santiago

09/10/2012 O alcalde compostelán, Ángel Currás, recibiu en Raxoi a algúns dos participantes no I Congreso Ibérico de Casas Museo de Escritores, que se celebra na Cidade da Cultura. No marco deste encontro constituirase a Asociación Ibérica das Casas Museo de Escritores, unha iniciativa pioneira que integrará entidades de Portugal e do conxunto de España.

Este I Congreso Ibérico de Casas Museo celébrase do 9 ao 13 de outubro. Ademais de Santiago, ten como sedes as cidade portuguesas de Vila Nova de Famalicao e Guimaraes. O programa do Congreso compóñeno diversos relatorios, roteiros literarios e visitas a espazos culturais.

Ademais do alcalde, participaron no acto, entre outros, o presidente da Fundación Curros Enríquez e alcalde de Celanova, José Luis Ferro; Ángela Garra, da Casa Museo Valle Inclán (Vilanova de Arousa) e Benigno Amor, da Casa de la Troya, ademais dos membros da Xunta de Goberno da Asociación de Casas Museo e Fundacións de Escritores (ACAMFE)

ACAMFE
A Asociación de Casas Museo e Fundación de Escritores é un colectivo que aglutina preto de medio centenar de casas museo e fundacións de escritores nados nas distintas Comunidades Autónomas de España, e que no seu conxunto forman parte do patrimonio literario español dende Miguel de Cervantes ata os nosos días.

Consciente da proximidade cultural e paralelismo histórico entre a sociedade española e portuguesa, ACAMFE procurou dende o seu nacemento una achegamento ás casas museo e fundacións de escritores de Portugal. Desa irmandade, plasmada xa noutros eventos anteriores, xorde este I Encontro Ibérico no marco do XIX Encontro Anual de ACAMFE.

Compartir: