TURISMO

Turismo de Santiago amosa a cidade a touroperadores e axentes de viaxe rusos

06/10/2012 Un grupo de 17 touroperadores e axentes de viaxe rusos puideron coñecer onte a cidade da man de Turismo de Santiago, grazas a unha viaxe de familiarización organizada por Turgalicia e no que colabora a empresa municipal de promoción turística. O obxectivo é que se inclúa a Santiago dentro das ofertas de viaxes organizados a España para o mercado emisor ruso, que actualmente é o de maior crecemento no conxunto do país.

Turismo de Santiago amosoulle a este grupo de profesionais os principias atractivos da cidade: a Catedral e o Casco Histórico, a gastronomía, a calidade da oferta hoteleira, a arquitectura contemporánea, con especial fincapé na Cidade da Cultura...

Ademáis, destacouse a oferta comercial da cidade, xa que un dos motivos principais de viaxe dos rusos son as compras. De feito o turista ruso ten un gasto medio en España de 1.532 euros, cando a media do turista internacional é de 950 euros, segundo os datos de Egatur referidos a o período entre xaneiro e xullo deste ano.

Esta acción complementa a participación de Turismo de Santiago nunhas xornadas que se celebraron entre o 24 e o 28 de setembro nas dúas principais cidades do mercado ruso, Moscova e San Petesburgo, organizadas por Turespaña. Nestas xornadas houbo presentacións de diferentes cidades españolas, entre elas Santiago, e reunións con touroperadores e axencias de viaxes.

Rusia ten sido nos últimos anos o mercado emisor con maior crecemento nas pernoctacións en España. Segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística (INE), no 2011 houbo 978.635 rusos que visitaron España, un 54% máis que no 2010, cando foron 633.786, e un 228% máis que no 2005, cando foron 297.794. As previsións de entidades como Turespaña son que o turismo ruso continúe crecendo dun xeito importante nos vindeiros anos.

Compartir: