PARTICIPACIÓN CIDADÁ

Novas rutas didácticas do programa "Cultura Viva. Fai túa Compostela"

05/10/2012 Continúa desenvolvéndose o programa educativo de rutas didácticas pola cidade e as parroquias de Compostela, Cultura Viva. Fai túa Compostela, promovido pola Concellaría de Centros Socioculturais e Participación Cidadá.

O sábado 6 de outubro realizarase a ruta didáctica titulada "O modernismo en Compostela". Os 25 participantes xa inscritos coñecerán e identificarán algunhas das pegadas que a arquitectura modernista deixou no Ensanche compostelán a comezos do século XX. Camiñando polas rúas, descubrirase a riqueza de detalles dun estilo arquitectónico pouco coñecido e moi peculiar en Santiago. O grupo de participantes saíra ás 11:00 horas do Centro Sociocultural do Ensanche.

A próxima ruta do programa é a do mércores 10 de outubro pola tarde, "A cerca da cidade", que permitirá descubrir as pegadas dunha parte da muralla da cidade presente e oculta en Compostela. O grupo de 25 persoas inscritas partirá ás 18:00 horas do paseo central da Alameda(palco da Banda).

O seguinte percorrido será o sábado 13 de outubro, con saída as 11:00 horas desde os soportais do pazo de Raxoi. Esta ruta leva o título "Polos balcóns de Compostela" e permitirá que os participantes coñezan a cidade dende a perspectiva que ofrecen os balcóns e edificios singulares da cidade. Neste ruta aínda hai prazas dispoñibles.

Os veciños e veciñas interesadas en participar nas rutas didácticas deste programa poden inscribirse presencialmente ou por telefono nos centros socioculturais, tanto en horario de mañá como de tarde.

Direcciones relacionadas



Compartir: