EDUCACIÓN

Comezan as visitas didácticas á nova sede do Museo das Peregrinacións e de Santiago

05/10/2012 A concelleira de Educación, Rebeca Domínguez deu a benvida aos primeiros escolares que realizaron unha vista didáctica guiada á nova sede do Museo das Peregrinacións e de Santiago, na praza das Praterías. O primeiro centro en visitar as novas instalacións foi o CEIP de Pedrouzos, en Brión, a cuxos profesores a Concelleira fixo entrega dun lote de libros sobre a historia de Santiago, editados polo Consorcio de Santiago.

Estas vistas guiadas están orientadas tanto a centros escolares como a asociacións e visitantes en xeral. Este novo servizo permitirá, dunha banda, coñecer de primeira man o novo edificio, deseñado polo premio nacional de arquitectura Manuel Gallego, e, doutra, descubrir a historia e a fisionomía da cidade de Santiago na Idade Media na exposición inaugural Compostella dicitur. A cidade da Catedral. No caso dos centros educativos, ademais do servizo de guía, o Museo ofrece un conxunto de fichas e material didáctico que permiten aos profesores traballar previamente nas aulas.

Para realizar estas visitas guiadas e concertar as datas hai que facer a reserva no teléfono 981 576 661 ou no enderezo electrónico visitasguiadas@consorciodesantiago.org.

Compartir: