DEPORTES

Todo listo para o XXII Día da Bicicleta

05/10/2012 O concelleiro de Deportes, Adrián Varela, lembrou en rolda de prensa a celebración, o domingo 7, do XXII Día da Bicicleta. Os composteláns están convidados a sacar un ano máis as súas bicicletas á rúa e a participar nesta xornada de lecer e convivencia.

Esta non é unha competición, senón un paseo polas rúas de Compostela, con saída na rúa do Restollal e chegada na praza do Obradoiro. O percorrido comezará ás 11:00 horas.

Todos os interesados en participar poden inscribirse en El Corte Inglés Santiago, no Departamento de Deportes (planta baixa) ou na Concellería de Deporte (estadio de San Lázaro - Porta 1) en horario de 9:00 a 14:00 horas. O prazo de inscrición previa remata o sábado 6 de outubro ás 22:00 horas. Todos os inscritos previamente recibirán un agasallo conmemorativo.

Os participantes que prefiran inscribirse o mesmo día da carreira poderán facelo ás 10:00 horas, na propia liña de saída, situada na rúa do Restollal, na fachada principal de El Corte Inglés Santiago.

Só se admitirá unha inscrición por persoa e a non participación na carreira ou a duplicidade da inscrición anulará automaticamente a participación no sorteo de bicicletas que se celebrará ao finalizar a marcha na praza do Obradoiro.

Máis información no enderezo de correo electrónico dptodeportes@santiagodecompostela.gal ou no teléfono 981 528 730.

Ultima carreira do circuíto CorreSAN
Por outra parte, o domingo 14 celébrase a última das catro carreiras saudables CorreSAN. Desta vez, a proba iniciarase na Cidade da Cultura e rematará no Estadio de San Lázaro. Ademais, a carreira servirá para homenaxear o Victoria FC polo seu 75 aniversario.

O concelleiro amosouse moi satisfeito pola participación das tres probas anteriores e agarda que esta cuarta convocatoria confirme o éxito desta iniciativa de carreiras saudables. A saída darase ás 10:30 horas para os adultos, que deberán percorrer 5,9 quilómetros dun circuíto que os levará dende a Cidade da Cultura ao Estadio Multiusos de San Lázaro.

Tamén haberá unha proba para prebenxamíns e outra para benxamíns, que correrán nun circuíto máis pequeno, duns 2,8 quilómetros, preparado nas inmediacións do Estadio. Celebrarase ás 11:30 horas e a inscrición poderá realizarse esa mesma mañá.

Tanto os premios desta carreira como os da totalidade do circuíto CorreSAN serán entregados ao rematar esta última proba no propio recinto de San Lázaro.

Documentos relacionados

Direcciones relacionadas



Compartir: