TURISMO

Turismo de Santiago e Hostalería Compostela reúnense para traballar conxuntamente na promoción da cidade

05/10/2012 A concelleira de Turismo, Reyes Leis, e a xerente de Turismo de Santiago, Maruxa Ledo, reuníronse no Pazo de Raxoi cos representantes da Asociación Hostalería Compostela, o seu xerente, Andrés Condide, e o seu responsable de Comunicación e Marketing, Aser Álvarez, para traballar conxuntamente na definición da promoción da cidade no vindeiro ano 2013.

Dende Turismo de Santiago presentóuselle aos representantes da Asociación Hostalería Compostela as liñas mestras de promoción que desenvolve a empresa municipal, así como diferentes datos da evolución dos mercados que compoñen a demanda turística da cidade.

A reunión complementarase co envío dunha información máis detallada por parte de Turismo de Santiago na vindeira semana, para que a Asociación poda estudala e facer as súas suxestións respecto aos mercados máis interesantes para a cidade. Dende Turismo de Santiago estudaranse estas achegas para incluílas no plan de promoción do vindeiro ano

O obxectivo que se marca Turismo de Santiago respecto a 2013 é consolidar o crecemento de turismo internacional que se está dando neste ano, cando nos oito primeiros meses do ano houbo 280.387 pernoctacións internacionais, o maior número dende que o INE recolle estes datos.

Compartir: