CULTURA

"Los habitantes de Arlequinia" e "Contratiempos", dúas singulares obras coa Escola Internacional da Comicidade

05/10/2012 O director-xerente do Auditorio de Galicia, José Víctor Carou; o director da Escola Internacional da Comicidade, Antón Valén; e o coordinador da Escola, Nacho Fungueiriño, presentaron as dúas obras que se farán en colaboración coa Escola no ciclo Teatro&Danza: Los habitantes de Arlequinia, o martes 9 de outubro, e Contratiempos, o mércores 24 e o xoves 25 de outubro, todas as funcións ás 21:00 horas. As entradas poden mercarse na billeteira do Principal (aberta de martes a sábado de 18:00 a 21:00 horas) a 6 euros.

Con máis que 400 funcións en todo o mundo, Los habitantes de Arlequinia é un conto fabuloso, fascinante e sempre novo. Tras a aparencia dunha conferencia bufonesca escóndese un espectáculo que nunca morre. Cos trazos e o sabor dunha demostración científica curiosa e divertida. Levándoo á escena atópase a xenerosidade, a forza e a finura dunha interprete extraordinaria: Claudia Contin.

Contín, coñecida en todo o mundo como Arlequín, é a primeira muller en interpretar con continuidade, dende 1987, o papel masculino dunha das máscaras máis famosas e amadas da Comedia da Arte italiana. Como actriz e autora de textos e de ensaios teatrais, publicados e traducidos en catro linguas, goza de notoriedade internacional consolidada, sobre todo polo rigor antropolóxico das súas procuras sobre o comportamento en situacións de "representación", no campo do teatro, da danza, da voz e do canto.

Contratiempos xorde dunha procura interior e dun desexo de entender e dar a man á soedade, esa aliada que nos acompaña ao longo da nosa vida, ao mesmo tempo convídanos a descubrir o marabillosas que podemos chegar a ser as persoas, tal e como somos. A protagonista é Belén Gordillo "Nenacaracol", nada en Úbeda, muller do renacemento que navega entre varias disciplinas artísticas tales como a danza española, o flamenco, e o teatro xestual: mimo e pantomima, clown e body percussion.

Escola Internacional da Comicidade
Esta é a primeira edición da Escola Internacional da Comicidade, un proxecto que nace con vontade de permanencia no panorama internacional de escolas teatrais centradas no humor e que pretende ser un laboratorio capaz de xerar presenza escénica, verdade na actuación, efectividade creativa e comicidade. Así mesmo, pretende formar actores e actrices para que estean preparados para convencer a calquera público en calquera espazo teatral, xa sexa rúa ou teatro.

O obxectivo da Escola non é ensinar un camiño único da comicidade, senón xerar un espazo de formación e investigación que dá oportunidade para que o actor/actriz poida atopar cal é a súa propia ruta. Ademais, procura dignificar o traballo do comediante mediante unha formación baseada na experiencia e no estudo das diferentes expresións artísticas que conforman o universo do humor e o riso a través do teatro. A escola ten dúas sedes, unha insular -Tenerife- e, outra peninsular -Galicia-, e realízase en dúas estacións diferentes, verán -Tenerife- e outono -Galicia-, para facilitar a asistencia dos e das estudantes ao curso de formación.

Compartir: