XUNTA DE GOBERNO

Ábrese o prazo de solicitude de uso das 39 hortas municipais de Fontiñas e de renovación de 31 das existentes en Belvís

04/10/2012 A Xunta de Goberno, na súa sesión ordinaria, aprobou a apertura do prazo de solicitude de concesión de uso das 39 hortas municipais en Fontiñas e de renovación de 31 hortas das existentes en Belvís. O prazo estará aberto do 10 ao 22 de outubro.

Segundo explicou a voceira da Xunta de Goberno, Paula Prado, a información e o impreso de solicitude estarán dispoñibles nesta páxina web. Ademais da mesma, os interesados deberán achegar a fotocopia do seu DNI e, no caso de ser xubilados, a documentación que acredite esta situación. As solicitudes deberán presentarse por Rexistro.

As concesións de uso destas hortas outorgaranse segundo a ordenanza existente, coas preferencias para xubilados e veciños do entorno.

Barrios
Por outra parte, adxudicáronse novas obras das previstas pola Concellería de Barrios. Desta vez, vanse iniciar as do barrio de Fontiñas e as de Romaño-Pontepedriña de Arriba, nas que se investirán 54.400 e 20.282 euros, respectivamente.

En Fontiñas está prevista unha actuación xeral naquelas rúas e beirarrúas máis deterioradas, como as rúas Roma ou Berlín. Xa no Romaño actuarase na travesía de Vista Alegre, Casal da Horta e Torreira de Arriba.

Urbanismo
En materia de Urbanismo, salienta a concesión da licenza para a construción de 80 vivendas en Galeras-Entrerríos, cun orzamento de 7,5 millóns de euros. O Concello ingresará en concepto de licenzas 300.000 euros.

Continuando coas licenzas, outorgouse outra ao Consorcio para a reparación da fonte do claustro de San Martiño Pinario, na que se investirán 70.000 euros. Esta é unha fonte do século XVIII co nivel 1 de catalogación.

Benestar Social
Paula Prado deu conta tamén da concesión dunha subvención de 25.198 euros pola Secretaría Xeral de Inmigración da Xunta á Unidade de Atención ás Migracións (UAMI).

Cultura
Ademais, O Goberno local aprobou os seguintes convenios con asociacións do ámbito cultural: Ateneo (1.700 euros), Curso Universitario Internacional Música en Compostela (4.250 euros); aCentralFolque (10.000 euros); Museo do Pobo Galego (10.200 euros); Asociación de Libreiros de Compostela e Federación de Libreiros de Galicia (4.250 euros); Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento (9.000 euros).

Centros Socioculturais
Finalmente, adxudicouse o servizo de mantemento de climatización en oito centros socioculturais por importe de 3.203 euros. A edil salientou que se reduciu o prezo case á metade respecto a 2011 (3.213 euros) como consecuencia de adxudicar todo o servizo a unha mesma empresa.

Documentos relacionados



Compartir: