EDUCACIÓN

Os escolares fórmanse en seguridade

09/05/2006 Continúa a desenvolverse o programa de actividades da campaña municipal de educación viaria e de autoprotección nos centros escolares "¿Onde está o perigo?", promovida polos Departamentos de Educación e Mocidade e Tráfico do Concello de Santiago. Trátase dunha iniciativa para a prevención de riscos e a intervención diante de calquera emerxencia que se produza.

O programa dá resposta á preocupación sentida pola comunidade educativa respecto da seguridade nas instalacións educativas. A implicación da comunidade educativa constitúe un elemento determinante nesta campaña para a sensibilización e a incorporación de novos hábitos cívicos entre a poboación máis nova.

O programa propón unha serie de contidos, actividades e materiais que contribúen a formar cidadáns responsables e participativos en materia de seguridade, favorecendo que a comunidade escolar coñeza e valore as situacións de risco e os accidentes que con máis frecuencia se producen entre escolares dentro e fóra do ámbito escolar.

Neste curso escolar 2005-2006 trabállase nunha campaña de educación viaria e na autoprotección, na que se incluíron diversas propostas, entre as que se encontran a realización de simulacros de evacuación en centros de ensino, as visitas didácticas aos diferentes servizos de seguridade, a presenza do Parque Infantil de Tráfico, ou as sesións informativas para ANPAS e outros colectivos, entre outras.

Durante este mes de maio están programadas varias visitas didácticas ás dependencias da Policía Local e do Servizo Municipal de Extinción de Incendios e Salvamento e simulacros de evacuación nos centros escolares.

Compartir: