BENESTAR SOCIAL

Benestar Social informa da modificación do prazo de presentación de solicitudes do Programa de Vacacións para Maiores

04/10/2012 A Concellería de Familia e Benestar Social informa da modificación do prazo de presentación de solicitudes do Programa de Vacacións para Maiores do Imserso para a temporada 2012-2013. A data límite pasa a ser o 9 de outubro para os novos usuarios do programa. Aqueles que xa estaban acreditados para viaxar na temporada 2011-2012 non é necesario que cumprimenten nova solicitude, porque o Imserso dispón xa de todos os datos.

Poden acceder a este programa as persoas residentes en España que reúnan calquera dos seguintes requisitos: ter, como mínimo, 65 anos cumpridos; ser pensionista de xubilación do Sistema Público de Pensións; pensionistas de viuvez do Sistema Público de Pensións, cuxa idade sexa igual ou superior a 55 anos; ou outros pensionistas do Sistema Público de Pensións e prexubilados, en ambos casos, con 60 anos cumpridos.

Consideraranse beneficiarios, en calidade de acompañantes, os cónxuxes destas persoas, aínda que non é preciso que reúna os requisitos de idade e pensión. Admitirase coma acompañante a un fillo/a con discapacidade que teña un grao de discapacidade igual ou superior ó 45%, sempre que a viaxe a realice cos seus pais e ocupe cama supletoria na mesma habitación do hotel. En todo caso, os solicitantes deberanse valer por si mesmos e non padecer alteracións de comportamento que impidan a normal convivencia nos hoteis.

Se reúnen calquera destas condicións, os interesados na oferta de viaxes do Imserso, de ser novos usuarios, teranse que acreditar para obter praza cubrindo a solicitude que se pode descargar da web do Imserso. O prazo está aberto ata o 9 de outubro. Non obstante, admitiranse solicitudes ata o 1 de decembro de 2012, que non se baremarán, senón que dependerá das vacantes resultantes.

Está previsto que en novembro os solicitantes xa reciban notificacións de concesión e destino, con indicacións sobre como realizar a reserva da viaxe.

Toda a información pode consultarse na páxina web do Imserso: www.imserso.es

Direcciones relacionadas



Compartir: