ALCALDÍA

Conferencia de Manuel Gallego sobre o seu proxecto do Museo das Peregrinacións

02/10/2012 O arquitecto Manuel Gallego Jorreto pronunciou unha conferencia sobre O proxecto do Museo das Peregrinacións e de Santiago. O acto, celebrado no mesmo Museo, foi introducido polo alcalde, Ángel Currás.

A nova sede do Museo das Peregrinacións e de Santiago foi inaugurada o 24 de xullo. O espazo xurdiu da remodelación do vello edificio que albergaba o Banco de España e foi proxectado polo conferenciante, Manuel Gallego, un dos arquitectos galegos máis recoñecidos e que recibiu o Premio Nacional de Arquitectura en 1997. Foi catedrático na Escola Superior de Arquitectura da Coruña, na que exerceu a docencia dende 1978. Traballou nos seus inicios cos arquitectos galegos Sarandeses e Trabazo, no estudo do mestre Alejandro de la Sota. Dentro da súa traxectoria destacan obras significativas como o Museo de Belas Artes da Coruña (polo que recibiu o Premio Nacional de Arquitectura), a Casa da Cultura de Chantada e os Institutos de Investigación do Campus Sur de Santiago.

O seu proxecto para o Museo das Peregrinacións e de Santiago non se pode concibir á marxe da súa ubicación ao pé da Catedral nin do seu emprazamento na emblemática praza de Praterías. Polo que respecta ao interior do edificio, as modificacións que se levaron a cabo afectan fundamentalmente á utilización do seu interior como espazo expositivo. Creouse un espazo central que integrou as diferentes prantas para facilitar a orientación ao visitante. Deste xeito conseguiuse un espazo alto que permite a relación visual dende diferentes plantas; espazo que se incorporou ao antigo edificio como de nova creación.

Partindo da aceptación do edificio como parte consolidada dun conxunto rematado, a ampliación do Museo realizouse incorporando un elemento complementario de nova arquitectura, máis lixeiro, realizado en vidro, material moi compatible coa pedra. A actuación integrouse sen variar a altura e conservando as cornixas como referencias importantes. Creouse así un espazo adosado ao edificio antigo artellado a modo de gran galería chea de vibracións e transparencias que recollen o movemento da xente e a vida do museo que se realiza á luz do día.

O obxectivo do proxecto era que o espazo do museo permitira o funcionamento diverso e complexo como centro de exposicións. A espectacular presenza da Catedral, e sobre todo, da torre do Reloxo, faise presente a través dun gran lucernario, unha vez que os visitantes chegan á primeira planta, transformando de maneira espectacular o percorrido do museo a medida que van ascendendo, asomándose á cuberta co fin de contemplar a Catedral e a cidade. O Museo conta cunha superficie construída de 3.466 metros cadrados.

Compartir: