EDUCACIÓN

A campaña de animación á lectura "Un, dous, tres, que les? remata cun grande éxito de participación

08/05/2006 A VI Campaña de Animación á Lectura do Concello de Santiago concluíu cunha animada sesión de contos e música á que asistiron un cento de nenos e nenas cos seus pais e nais. A Galería Sargadelos acolleu o acto de clausura, ao que asistiu a concelleira de Educación, Elvira Cienfuegos, o director de Kalandraka, Xosé Ballesteros, e os ilustradores Óscar Villán, Federico Fernández e Marc Taeger.

Os coordinadores das actividades, da editorial Kalandraka, estimaron a campaña moi satisfactoria. Dende o pasado tres de abril realizáronse sesións de contacontos diarias para máis de 4.500 escolares da bisbarra compostelá. Impartíronse obradoiros de ilustración e banda deseñada, así como charlas para o profesorado e as familias. Por primeira vez, as sesións de animación á lectura tamén se estenderon ás librarías da cidade.

A exposición de ilustracións orixinais foi o fío condutor do derradeiro día de campaña, no que expertos en literatura infantil e xuvenil de Kalandraka ofreceron as diversas claves sobre a importancia de animar a ler na casa a un grupo de pais e nais. Álbumes infantís coma os titulados "Aquiles o puntiño", "Amora", "Chivos chivóns", "Un dous tres, que ves?" ou "As luces que se acenden e se apagan", editados por Kalandraka e Faktoría K de Libros, guiaron o itinerario dos visitantes á mostra.

Compartir: