DEPORTES

O deporte compostelán conta xa coa súa web

02/10/2012 O concelleiro de Deportes, Adrián Varela, presentou a nova páxina web da Concellería de Deportes. Esta ferramenta ofrece aos tanto aos clubs da cidade como a calquera interesado na práctica do deporte toda a información sobre eventos, instalacións, entidades deportivas, etc.

Tal como explicou o concelleiro, esta web (deportes.santiagodecompostela.gal) pretende ser unha ferramenta "áxil", útil tanto para os clubs federados da cidade como para calquera deportista dende unha vertente recreativa ou de deporte saudable. Calquera evento, convocatoria, campionato ou actividade formativa que se produza na cidade terá cabida na páxina web, convertida nun referente para o deporte compostelán, seguindo a liña de integración establecida coa marca "San".

Unha das novidades da web é que ofrece un censo actualizado das instalacións deportivas do municipio, con información e fotografías de cada unha delas. Ademais, e mediante un redireccionamento á Carpeta Cidadá, é posible realizar a solicitude e reserva de uso das instalacións municipais a través desta web, se ben se seguirá reservando unha cantidade de horas para os que prefiran seguir facendo a reserva de modo presencial. Os que o desexen poderán recibir a confirmación da reserva mediante un SMS.

Outra mostra do carácter integrador da páxina web é que ofrece un listado das entidades deportivas da cidade, coa información de cada unha delas, así como dos patrocinadores e colaboradores.

Compartir: