PLENO

O Pleno ratifica a renuncia á paga extraordinaria do alcalde e dos concelleiros con dedicación exclusiva

27/09/2012 Na súa sesión ordinaria de setembro, o Pleno da Corporación aprobou por unanimidade a eliminación da paga extra para os seus membros con dedicación exclusiva, así como para os directores de área. Outro dos asuntos tratados foi a cesión gratuíta dunha parcela á Xunta para a construción da Escola Oficial de Idiomas.

A concelleira de Facenda, Cecilia Sierra, xa anunciara o pasado mes de agosto a decisión do alcalde e dos concelleiros do goberno de non percibir a paga extra de Nadal, sumándose así á medida do Goberno central para os funcionarios. Esta decisión suporá un aforro para arcas locais de 29.491 euros, incluíndo tamén a contía correspondente aos concelleiros da oposición con dedicación exclusiva. A supresión da paga extra do Nadal suporá, aplicado a todo o persoal do Concello de Santiago, un aforro de 1.234.333 euros. Como sinalou a concelleira de Persoal, Amelia González, esta decisión adóptase por solidariedade cos traballadores públicos nun momento complicado.

Tamén por unanimidade o Pleno acordou a aprobación provisional da modificación puntual do PXOM para a ampliación do cemiterio de San Xián de Carballal, trala petición cursada pola propia parroquia motivada pola falta de espazo.

No referente a equipamentos, nesta sesión deuse conta do acordo da Xunta de Goberno Local polo que se cede gratuítamente unha parcela á Comunidade Autónoma de Galicia para a construción dunha nova Escola Oficial de Idiomas. Formalizada a cesión, a Xunta disporá dun ano para aceptala e de dous para iniciar as obras.

Esta cesión dunha parcela no polígono 2 do SUP-5 da Choupana é "un paso máis no obxectivo de que Santiago teña unha nova Escola Oficial de Idiomas", apuntou a concelleira de Urbanismo, María Pardo. A parcela cedida, de 4.660 metros cadrados, está situada a carón do Centro Sociocultural de Santa Marta.

Estación intermodal
A respecto dunha proposición do BNG sobre a estación intermodal do Hórreo, o alcalde recordou que o día 1 de outubro comeza o servizo na estación de ferrocarril ao aeroporto, suprímese a parada de Doutor Teixeiro e substitúese por unha na Praza de Galicia e outra na Rosa.

Así mesmo, salientou que o Goberno está mantendo conversas con Adif e Xunta de Galicia para facer as cousas ben nesta zona tan sensible da cidade, tendo en conta que se necesita un estudo de planeamento que resolva de xeito definitivo os problemas de mobilidade.

A estación poderá acoller uns 6 millons de pasaxeiros, uns 150 autobuses e un tráfico estimado duns 1000 vehiculos que entrarían polo vial Sar-Pontepedrina, o que fai necesario modificar o planeamento.

Compartir: