ALCALDÍA

O Museo Gaiás exhibe xuntas por primeira vez doce grandes xoias da historia galega

27/09/2012 O alcalde compostelán, Ángel Currás, asistiu á presentación no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura de Galicia da exposición Códices. Xoias das catedrais galegas na Idade Media. A mostra reúne 12 códices orixinais de entre os séculos IX e XV, auténticos tesouros do patrimonio documental e bibliográfico galego que por primeira vez serán exhibidos xuntos ao público.

Comisariada por Xosé Manoel Sánchez, técnico medievalista do Arquivo da Catedral de Santiago, a exposición inclúe unha selección de doce pezas: dúas obras cedidas pola Catedral de Lugo, o Libro X de Pergameos Reais e o Libro XI de Bulas Papais; unha pola Catedral de Mondoñedo, o Tombo Pechado e outra polo Seminario de Mondoñedo, a Legenda Maior. Ademais o Misal Auriense e o Breviario Auriense da Catedral de Ourense; catro da Catedral de Santiago: o Códice Calixtino, o Breviario de Miranda, o Tombo A e Historia Compostelá; e dúas procedentes da Catedral de Tui, o Pontifical e o Pasionario Tudense.

Códices poderá visitarse dende esta mesma tarde e permanecerá aberta ao público ata o 6 de xaneiro. O acceso será de balde todos os días da semana, agás os luns (día no que pecha o Museo Centro Gaiás). O horario é entre as 11:00 e as 20:00 horas. Por razóns de seguridade, o acceso ao espazo expositivo limítase a un máximo de 15 persoas de xeito simultáneo.

Compartir: