DEPORTES

Camiñada solidaria ao Pedroso para loitar contra a mortalidade infantil

27/09/2012 O Concello de Santiago, a través da concellería de Deportes, e o Club Deportivo Fontiñas, organizan un ano máis a Camiñada ao Pedroso, que xa cumpre a súa décimo primeira edición. Nesta ocasión, tal e como xa ocorrera en 2011, os fondos recadados serán a beneficio de Unicef, que os empregará nos seus programas de supervivencia infantil.

A cita será o domingo 7 de outubro ás 10:00 horas, con saída da praza do Obradoiro e chegada á Granxa do Xesto. Este percorrido de aproximadamente 9 quilómetros transcorrerá polas marxes do río Sarela e polos camiños do Pedroso, que tentan poñer en valor desde a sección de montañismo do Club Deportivo Fontiñas. O seu presidente, Mariano Val, salientou que se trata dunha travesía apta para todos públicos, incluso para quen non está acostumado, xa que serán arredor de tres horas coas paradas necesarias. Á chegada, Unicef entregará un recordatorio a todos os participantes.

Inscricións
As inscricións poden realizarse ata o 4 de outubro na tenda de Unicef sita na rúa Carreira do Conde número 2, en horario de 9:00 a 14:00 e de 16:30 a 19:30 horas, ou a través do teléfono 981 586 387, ao prezo de 5 euros. Todos aqueles que queiran colaborar pero non participar na camiñada teñen á súa disposición unha Fila 0.

Os fondos obtidos serán destinados por Unicef aos programadas de supervivencia infantil que a entidade leva a cabo en máis de 150 países. Como sinalou a súa responsable, Marta Andrade, cos 5 euros da inscrición 4 nenos poden recibir tratamento contra unha enfermidade grave. Andrade fixo fincapé na necesidade de financiamento para este fin, xa que cada día morren no mundo uns 19.000 rapaces por unha doenza evitable.

Pola súa banda, o concelleiro de Deportes, Adrián Varela, animou a todos os composteláns a participar neste acto saudable e solidario.

Compartir: