XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno dá o visto bo a obras no rural por máis de medio millón de euros

27/09/2012 A Xunta de Goberno aprobou os proxectos para Santiago a incluír no Plan Especial financiado pola Deputación da Coruña. Ademais, iniciouse o expediente para contratar novas obras de limpeza e desbroce nas pistas da parroquias do municipio.

Os proxectos a incluír no Plan Especial da Deputación da Coruña ascenden a 933.294 euros. Entre os mesmos, destacan os destinados ao medio rural, que suman un investimento de 521.542 euros. Así, contémplanse melloras nas redes de saneamento de Sarela de Arriba (A peregrina), Silvouta e Lavacolla; acondicionamento de vieiros entre Sionlla de Arriba e cruce da N-550, entre Marzo de Abaixo e Quintáns e entre Reborido-Roxos ao límite do Concello; e acondicionamento do campo da festa de Grixoa.

En materia de parques e xardíns figuran os seguintes proxectos:reforma da pista polideportiva do parque Pablo Iglesias, posta en funcionamento dos servizo no parque Eugenio Granell e construción de tres aparcadoiros de céspede transitable no barrio de Guadalupe. A estas intervencións súmanse outros catro de diversas áreas: achega a obras da praza de Abastos (comercio), obras na oficina de turismo de San Lázaro (turismo), mellora do arquivo municipal en San Lázaro (urbanismo) e compra de material para o novo centro sociocultural de Santa Marta (centros socioculturais). A relación de obras e investimentos figura no documento adxunto.

Seguindo con Medio Rural, iniciouse o expediente de contratación das obras de limpeza e desbroce de cunetas e taludes en pistas das parroquias de Aríns, Figueiras, Grixoa, Laraño, Sabugueira (Lavacolla), Marantes, Nemenzo, Enfesta, Bando, Barciela, Berdia, Carballal, Cesar, Eixo, A Peregrina, A Gracia, San Xoán de Fecha, Santa Cristina de Fecha, Villestro, Busto e Marrozos. O tipo de licitación fíxase en 74.545 euros máis IVE.

Barrios
Outro dos acordos da Xunta de Goberno foi a adxudicación doutra das obras incluídas no programa previsto pola Concellería de Barrios, que totaliza un investimento de 800.000 euros. Nesta ocasión, deuse o visto bo ao comezo das obras na Rocha Vella, por 28.868 euros máis IVE. Inclúense aquí intervencións nas rúas do Veado, Quenlla, Piñeiro e Serafín Zas.

Días festivos 2013
Tamén se aprobaron os festivos locais para o ano 2013, que serán a Ascensión (9 de maio) e San Roque (16 de agosto). Deste acordo darase conta ao Pleno municipal.

Benestar Social e Emprego
No ámbito da Concellería de Familia, Benestar Social, Muller e Emprego, deuse conta da concesión dunha subvención da Consellería de Traballo, por importe de 110.621 euros, para contratación de desempregadas que teñan a condición de mulleres vítimas de violencia de xénero. Isto permitirá a contratación de 10 mulleres.

Deuse conta igualmente da concesión de subvencións por 28.486 euros para a realización do programa"En positivo. Por unhas relacións sen violencia".

Tamén en relación ás mulleres, neste caso inmigrantes, informouse da colaboración coa Secretaría Xeral de Igualdade para a asistencia integral ás mesmas a través dun servizo de teletradución.

Xa en materia de emprego, validouse a aceptación da subvención de 634.308 euros da Secretaría de Estado de Cooperación Territorial para a realización do proxecto Pacto Local polo Emprego de Santiago.

Educación
A proposta da concelleira de Educación, deuse conta do permiso para o inicio de actividades da Escola Infantil Municipal de Meixonfrío-Salgueiriños. As súas 123 prazas quedan distribuídas finalmente deste xeito: 3 unidades de 0-1 (16), 3 unidades de 1-2 (39) e 3 unidades de 2-3 (60).

Ademais, autorizouse o uso das instalacións do CEIP Apóstolo Santiago por parte da Fundación Radio ECCA para realizar o curso de preparación da proba libre para a obtención do Graduado en Educación Secundaria de adultos. Serán clases presenciais todos os martes e xoves de 19:00 a 21:00 horas.

Centros Socioculturais
A Xunta de Goberno tamén deu conta do pago do segundo prazo da subvención concedida para financiar o sostemento do Centro Sociocultural e Xuvenil do Ensanche durante o ano 2011, por importe de 80.087 euros. Igualmente, informouse da subvención da Deputación da Coruña para actividades nos centros socioculturais do rural para o ano 2012, neste caso por unha cantidade de 140.000 euros.

Consorcio
Finalmente, o Goberno local aprobou a posibilidade de establecer un prezo público para o Museo das Peregrinacións e de Santiago de Compostela (que será establecido no seu momento polo Consello do Consorcio), así como a encomenda de xestión en favor do Consorcio.

Compartir: