INFRAESTRUTURAS E CENTROS SOCIOCULTURAIS

Encontro cos veciños do Romaño para informalos sobre o proxecto de local sociocultural e centro de día

26/09/2012 Os concelleiros de Infraestruturas, María Castelao, e Centros Socioculturais, Francisco Noya, mantiveron unha reunión cos veciños do Romaño para explicarlles o proxecto do centro sociocultural para o barrio, infraestrutura incluída no programa Urbana Santiago Norte. O inmoble acollerá un centro de día que funcionará naquelas horas en que o local non teña un uso sociocultural.

Xa está aberto o procedemento para contratar a obra deste centro sociocultural do Romaño, que ten un orzamento de 775.000 euros máis IVE. Construirase sobre unha parcela de 1.200 metros cadrados, situada na travesa de Vista Alegre, e terá dúas plantas: unha primeira de 628 metros cadrados e a segunda de 321.

O inmoble contará con sala de usos múltiples, biblioteca, aula de informática, aula con cociña, aula individual, despachos e outras dependencias. A previsión é que as obras poidan comezar a finais de ano, tendo en conta que o prazo de execución inicial é de 10 meses. Posteriormente haberá que habilitar unha partida para o mobiliario.

Na liña de rendibilizar os centros socioculturais, xurdiu o proxecto aproveitar as horas que en condicións normais permanecería pechado para ofrecer aos veciños do Romaño outro servizo demandado por eles. Así, crearase un centro de día, que funcionará pola mañá e nas horas da tarde previas ás actividades socioculturais.

As características do novo local adáptanse a esta función de centro de día. A idea é que unha empresa ou asociación dedicada ao traballo con persoas maiores se encargue de realizar as actividades do centro de día.

Este equipamento forma parte do Programa Urbana Santiago Norte, cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).

Compartir: