TURISMO

Santiago promociónase en París

26/09/2012 Turismo de Santiago promocionará a cidade en París o vindeiro 2 de outubro nunha xornada na que participarán 50 empresas do sector de congresos e viaxes de incentivos. O evento está organizado polo Spain Convention Bureau, do cal forma parte Turismo de Santiago. A presentación terá lugar no Instituto Cervantes, onde as cidades participantes poderán amosar as súas características aos profesionais do sector.

Turismo de Santiago aproveitará esta xornada para facer tamén un "porta a porta" con diferentes axencias de viaxes e touroperadores do mercado francés especializados en turismo cultural. Deste xeito farase unha dobre promoción da cidade, por unha banda cara o mercado concreto do sector congresual e dos viaxes de incentivos, e por outra banda cara ao público xeral, facendo fincapé no atractivo cultural e gastronómico da cidade.

O mercado francés foi o cuarto mercado internacional en número de pernoctacións no ano 2011 en Santiago, con 27.977, polo que é un mercado relevante para a cidade. O mercado francés ten un nivel baixo de gasto por turista, segundo os datos da "Encuesta de Gasto Turístico", elaborada por Egatur. O gasto en España por turista é de 547 euros, cando a media do turista internacional é de 950.

Accións realizadas
Con esta acción en París, Turismo de Santiago continúa coa súa principal estratexia de promoción, consistente en focalizar os seus esforzos nos principais mercados europeos da cidade: Alemaña, Italia, Francia e Reino Unido. Estes serán tamén os mercados principais nos que Turismo de Santiago centrará a súa promoción no ano 2013.

Durante o que vai de ano 2012, Turismo de Santiago ten desenvolvido un amplo programa de accións promocionais nos mercados alemán, italiano, francés e británico.

Respecto ao mercado alemán, o mercado internacional máis importante para a cidade en número de pernoctacións, as principais accións de Turismo de Santiago foron a presenza en marzo na ITB de Berlín, a principal feira turística do mercado alemán; no IMEX de Frankfurt en maio para a promoción da cidade como destino de congresos e viaxes de incentivos; a organización dunhas xornadas técnicas con axencias de viaxes en Berlín tamén en maio; e na Semana Española de Frankfurt en agosto.

Respecto a Italia, segundo mercado con máis pernoctacións, as principais accións foron a presenza en febreiro na BIT de Milán, a principal feira do mercado italiano; a presentación en Parma do Programa Certo para a promoción conxunta do Camiño de Santiago, a Vía Francíxena e a Ruta de San Olav; a organización dun presstrip de xornalistas venecianos en maio en colaboración coa Asociación Hostalería Compostela e Volotea co obxecto de promocionar a nova conexión aérea entre Santiago e Venecia; e a presenza en Pisa tamén en maio no Congreso Cattedrali europee. Conservazione programmata sobre procesos de rehabilitación nas catedrais europeas, onde a Catedral de Santiago ocupou un espazo singular.

Respecto ao Reino Unido, Turismo de Santiago participou en xuño na City Fair de Londres, un evento no que estaban presentes os touroperadores e axencias de viaxes máis importantes deste mercado. Ademais estará presente en novembro no World Travel Market, a maior feira turística para o mercado británico. Tamén colaborou en múltiples presstrips e famtrips de Alemaña, Italia, Reino Unido, Portugal e Francia.

O número de pernoctacións internacionais entre xaneiro e agosto alcanzou o seu maior número en Santiago dende que o INE recolle estas estatísticas para a cidade. Houbo 280.387, un 9,33% máis que nos oito primeiros meses do 2011.

Documentos relacionados



Compartir: