CULTURA

Corenta e catro funcións, obradoiros, exposicións e mesas redondas na XVII edición do festival Galicreques

26/09/2012 O director-xeral do Auditorio de Galicia, José Víctor Carou, e Jorge Rey, director do Festival Internacional de Monicreques, Galicreques, presentaron a XVII edición deste evento, que se celebra do 29 de setembro ao 7 de outubro en diferentes puntos da cidade. En total serán 44 funcións de monicreques, ás que haberá que sumar obradoiros, exposicións e mesas redondas. As entradas están xa á venda no Teatro Principal, a Zona "C" e a SGAE-Fundación de Autor.

Un ano máis, e van dezasete, celebramos na cidade o Festival Internacional de Monicreques, Galicreques. Os lugares onde haberá actividade son o Teatro Principal, a Zona "C", Praza do Toural, Praza das Praterías, o Paseo Central da Alameda e a SGAE-Fundación de Autor. Poderemos gozar dun total de 44 funcións, 32 xerais e 12 máis de Teatriño Máxico, que son pases de 10 minutos que se celebrarán nunha Carpa situada no Paseo Central da Alameda

Dezaseis compañías poñerán en marcha esas función: seis chegadas de Arxentina, Polonia, Portugal e Cuba; outras seis chegadas de Euskadi, Asturias, Madrid, Valencia e Aragón; e 4 compañías galegas: A Xanela do Maxín, Monicreques Cachirulo, El retrete de Dorian Gray e Galitoon.

Ademais de función de monicreques tamén haberá outras actividades. Así, temos tres cursos: Taller de construción para nenos e nenas no Paseo Central da Alameda; e dous dirixidos a profesionais: Manipulación de monicreques bocón fronte a cámara e Dramaturxia para monicreques: tres son tamén as exposicións: China e o seu entorno na Galería Sargadelos; Teatriños de papel na SGAE e Poesía de monicreques e monicreques con poesía na Biblioteca Pública Ánxel Casal.

Ademais tamén se celebran dúas mesas redondas: o luns 1 de outubro ás 13:00 horas no Principal, coa presentación das compañías desta edición. E o venres 5, tamén ás 13:00 horas no Principal, presentación dos Premios Barriga Verde de Textos para Teatro de Monicreques.

Prezo e venta de entradas
As entradas poden mercarse na billeteira do Teatro Principal, na da Zona "C" e na SGAE-Fundación de Autor. O prezo é de 5 euros cada entrada podendo adquirirse un bono de 4 entradas a un prezo de 15 euros. O prezo de entrada para os espectáculos da Carpa da Alameda, será de 2 euros.

Direcciones relacionadas



Compartir: