ALCALDÍA

Sánchez Bugallo e Jean Nouvel presentan o proxecto da Finca do Espiño

05/05/2006 O arquitecto Jean Nouvel e o alcalde de Santiago presentaron en rolda de prensa o proxecto de acondicionamento da Finca do Espiño como parque público e de rehabilitación do seu palacete. Esta actuación permitirá recuperar para o goce dos composteláns unha superficie verde de 18.000 metros cadrados e un edificio con máis de cen anos de historia.

Segundo explicou Sánchez Bugallo, o proxecto estrutúrase en dúas fases. "Primeiro desenvolverase un labor de limpeza, porque gran parte da edificación está tapada pola vexetación", sinalou. Posteriormente, acometerase a obra, que "podería sufrir quizais algún axuste" en función do resultado da primeira fase, que se prevé que comece antes do verán.

Jean Nouvel explicou os detalles do proxecto. En particular, salientou o respecto que o proxecto de acondicionamento ten cara a vexetación existente e que intentará conservar tódalas especies posibles. No tocante ó palacete, apuntou que o seu interior deixará ver "unha arquitectura contemporánea que integra trazos do pasado".

Recuperación do parque

A actuación na Finca do Espiño pretende recuperar o valor deste espazo natural e da antiga horta do Palacete despois de anos de abandono e de crecemento sen control da vexetación. Para o acondicionamento deste parque destinaranse 950.000 euros.

O proxecto recuperará para o goce dos cidadáns os percorridos existentes no xardín-monte e desenvolve itinerarios con zonas de descanso e vistas sobre o contorno. Estes espazos contarán con mobiliario urbano para facer máis cómoda a estanza, e serán situados naquelas zonas en medio da carballeira onde se ve o ceo e entra o sol.

O resto da finca deixarase limpa e con plantación de especies de pradeira con floración en primavera e verán. Tamén se urbanizará a zona da rúa Carmen de Abaixo e da de Monte Pío dotándoas de infraestruturas, de beirarúas e dun novo acceso ao parque. A pavimentación dos sendeiros será de xabre, e unicamente se empregarán os pavimentos duros nos accesos rodados e nos límites máis urbanos co contorno.

Realizarase o saneamento e a poda da vexetación existente conservando tódalas especies posibles e plantando outras novas no camiño de conexión coa urbanización privada, cara o oeste: especies de folla caduca, para facilitar o paseo en verán, baixo a sombra, e a entrada do sol en inverno. Baixo a carballeira e no entorno do palacete, manteranse as especies de hedra tapizante. Na zona agora descoidada, ao sur, atópase o espazo soleado de pradeira, no que se sementarán especies con floración, que engadirán cor en primavera e verán. A actuación complétase coa colocación de dous tipos de bancos e de dous tipos de alumeado.

Para uso administrativo

Pola súa parte, o palacete do Espiño será rehabilitado para destinalo a uso administrativo do Concello de Santiago. O proxecto contempla catro grandes salas polivalentes, dúas en cada plantas, e a recuperación do antigo oratorio coma salón de actos. Respecto ó aspecto interior do edificio, Nouvel destacou a estruturación do edificio en distintas caixas de vidro conectadas entre si e retranqueadas respecto aos muros orixinais. O investimento previsto para esta obra é de 1,26 millóns de euros.

Segundo se indica no propio proxecto, os arquitectos optaron por unha interpretación ruskiniana de a ruína, respectándoa, consolidándoa e, na medida do posible, dignificándoa. O proxecto desenvólvese basicamente en dúas plantas, cunha composición semellante, situando as grandes salas no norte e no sur, deixando os pequenos volumes do leste para as estanzas de servizo e de comunicación. Ao oeste recupérase a Capela como salón de actos. Finalmente dispóñense unhas terrazas nas cubertas dos distintos volumes, que permitirán gozar de inmellorables vistas sobre o Casco Histórico de Santiago. Nunha terceira planta sitúase unha sala de reunións máis reservada.

Jean Nouvel, o encargado de rehabilitar este palacete, é un dos arquitectos máis prestixiosos do mundo e entre as súas obras figuran algunhas coma a Torre Agbar de Barcelona ou a ampliación do Museo Reina Sofía de Madrid.

Compartir: