COMERCIO

O Concello colabora con Compostela Monumental e Santiago Centro en dúas accións formativas para comerciantes

24/09/2012 A Concellería de Comercio, Compostela Monumental e Santiago Centro, colaboran na organización de dúas accións formativas dentro do programa Santiago Investors Support, que teñen coma obxectivo ofrecer solucións prácticas aos pequenos comercios e aos emprendedores que queiran desenvolver unha iniciativa comercial.

A primeira acción, Deseño de tendas e presentación comercial no século XXI, celebrarase en colaboración con Compostela Monumental o venres 28 de setembro na sala da Confederación de Comercio de Galicia. O día 29 pola mañá realizaranse seis sesións de asesoría personalizada en comercios de Santiago seleccionados de entre os asistentes ao relatorio do venres.

A presentación, moi visual, estrutúrase en tres partes. Nas dúas primeiras daranse os principios para entender que elementos hai que ter en conta para crear unha presentación comercial atractiva e coherente, así como as reflexións a ter en conta á hora de plantexarse o deseño ou re-deseño dun comercio. Na terceira ensinarase a mirar un espazo comercial desde o punto de vista do cliente, para aproveitar ao máximo os recursos.

A presentación será impartida por Carlos Aires, consultor de marketing e profesor no IE Business School. Os seus proxectos enfócanse á creación de novos conceptos de tendas para incrementar as vendas. Ten traballado para clientes como Grupo Cortefiel, El Corte Inglés, Lóreal, Sephora, Marques de Riscal, Tag Heuer, Grupo Swatch, Procter&Gamble, Walt Disney ou Swarovski.

A segunda acción celebrarase en colaboración con Santiago Centro o 4 de outubro no Hotel Araguaney. Centrarase na xestión dun comercio como unha Peme. O obxectivo é axudar aos comerciantes naquelas áreas que no son propiamente comerciais, pero que son fundamentais en tanto que son pequenas empresas.

Ambas accións son gratuítas e celebraranse ás oito da tarde, para facilitar a asistencia dos comerciantes interesados. Para máis información pode consultarse a web municipal www.cersiaempresa.org.

Compartir: