ECONOMÍA

O CERSIA acollerá as cuartas Xornadas Internacionais de Coaching

21/09/2012 O CERSIA acollerá, por segundo ano consecutivo, as Xornadas Internacionais de Coaching, que traerán de novo a Santiago a algúns dos "coaches" máis reputados do mundo, como a británica Amanda Thompson, o noruegués John Tolmie ou o francés Thierry de Tourniel. As xornadas, organizadas por Qcoach e Instituto Ben Pensante, celebraranse o 11 e o 12 de outubro coa colaboración da Concellería de Economía, entre outras entidades.

O "coaching" é un proceso formativo no que, a través dun "adestramento" específico dirixido por un "coach", desenvólvense unha serie de habilidades nos participantes. No "coaching" existen diferentes metodoloxías ou tipos que poden aplicarse a diferentes ámbitos, entre eles o empresarial. Precisamente, as xornadas teñen coma un dos seus obxectivos facilitar a empresarios e directivos un coñecemento amplo sobre as posibilidades que proporciona, para saber por onde comezar a implantalo en cada empresa.
O lema das Xornadas Internacionais de Coaching deste ano é: "Construíndo a nosa mellor versión". Nestes momentos de crise e cambios, os organizadores das xornadas pretenden axudar a aqueles que prefiren ver a crise como unha nova oportunidade de reinventarse, de conseguir unha versión máis completa como persoa, xa que só explotando todo o talento persoal se pode ter garantías dun futuro profesional exitoso e satisfactorio.
Toda a información sobre as xornadas e a inscrición as mesmas pode facerse na páxina web do evento: www.xornadascoaching.es

Compartir: