DEPORTES

O NBA x3 Tour chega a Santiago

21/09/2012 A Concellería de Deportes informa da chegada a Santiago do NBA x3 Tour, un torneo nacional que mestura baloncesto de competición con diferentes actividades divertidas e interactivas. O evento proporcionaralles aos xogadores de baloncesto da cidade a oportunidade de vivir a experiencia NBA de primeira man.

O torneo reúne equipos de catro xogadores en grupos de varias idades: equipos mixtos de menos de 12 anos, menores de 14, menores de 16 e a categoría absoluta masculina e feminina. Os gañadores finais de tódalas cidades enfrontaranse no torneo final en Barcelona os días 8 e 9 de outubro.

O NBA x3 Tour chega a Santiago tras ser un éxito rotundo na súa xira por España e promete ser un espectáculo tanto para os participantes como para o público, creando un ambiente familiar e divertido.

Como estrela invitada acudirá ao torneo o triplo campión da NBA cos San Antonio Spurs Bruce Bowen, quen xogou durante 14 temporadas na mellor liga do mundo.

O evento comezará ás 11:30 horas do sábado 22 no parque da Alameda. A continuación celebraranse os partidos, concurso e exhibicións na pista central.

Toda a información sobre a inscrición no NBA x3 Tour pode consultarse na páxina www.facebook.com/NBAEspana.

Compartir: