BENESTAR SOCIAL E EDUCACIÓN

Proxecto comunitario para loitar contra o absentismo escolar en Fontiñas

21/09/2012 As concelleiras de Familia, Benestar Social, Muller e Emprego, Paula Prado, e de Educación, Rebeca Domínguez, presentaron o Proxecto de intervención comunitaria en materia de absentismo escolar do barrio de Fontiñas, nun acto celebrado no IES Antonio Fraguas.

Este proxecto foi elaborado por diversos técnicos que están a traballar na zona: a orientadora do IES Antonio Fraguas, docentes do CEIP Fontiñas e traballadoras sociais da UTS Fontiñas (pertencentes aos Servizos Sociais Comunitarios). O documento reflicte o traballo en rede de servizos do barrio para a prevención e a redución do absentismo escolar, entendendo que un tratamento eficaz desta problemática non só garante o dereito constitucional que asiste a todo menor, senón tamén mellora a calidade de vida do sector infantil e xuvenil, traballando cara o seu futuro a medio e longo prazo.

Esa coordinación interinstitucional amósase como unha ferramenta útil, sen que por isto se perdera a entidade de cada quen. As competencias están delimitadas, pero tódolos servizos educativos e sociais foron capaces de atopar puntos en común e traballar para os mesmos obxectivos. O peculiar estilo de facer no barrio de Fontiñas é capaz de conxugar á vez, elementos aparentemente contrarios, que na realidade son complementarios: carácter aperturista dos servizos/respecto ás competencias de cadaquén; rendibilización de recursos/non duplicidade; non burocratización da intervención/respecto á lexislación vixente.

O traballo en rede levado a cabo polas institucións educativas e sociais do barrio arroxou resultados positivos na intervención (diminución da taxa de prevalenza da problemática, non existencia de menores sen escolarizar, etc). Pero estes resultados van mais alá si se realiza unha prospección no tempo: téntase traballar o nivel formativo, para favorecer a autonomía das persoas, mellorando a súa capacidade de inserción sociolaboral.

Documentos relacionados



Compartir: