CULTURA

Roderick Williams, protagonista do primeiro concerto do XIII Ciclo de Lied

20/09/2012 O venres 21 comeza o XIII Ciclo de Lied cun concerto do barítono Roderick Williams acompañado ao piano por Roger Vignoles. Será a partir das 21:00 horas no Teatro Principal. Despois de Williams poderemos gozar coa voz da soprano Asmik Grigorian o día 25 e a do tenor Christoph Prégardien o 29, acompañados ao piano, como é habitual no ciclo, por Roger Vignoles.

Dende o ano 1999, o Concello de Santiago e a Asociación Galega de Lírica presentan en setembro en Santiago de Compostela este ciclo, único en Galicia e mesmo en España, que se caracteriza pola orixinalidade á hora de presentar cada ano unha visión diferente do escasamente difundido xénero musical do lied e a canción de cámara. Nesta edición, a XIII o tema é Amor sen fin. Johannes Brahms e outros….

O cartel do ciclo está cheo de cantantes de sona no panorama da lírica internacional. Ao longo destes doce anos pasaron polo Teatro Principal figuras e especialistas de recoñecido prestixio como Angelika Kirchschlager, John Mark Ainsley, Camilla Tilling, Mark Padmore, Bernarda Fink, Thomas Allen, François Le Roux, Monica Groop, Sarah Walker, Robert Hall, Measha Brueggergosman, Werner Güra, Sandrine Piau, etc. Peza angular desta programación é un dos grandes e máis recoñecidos especialistas no xénero, o pianista inglés Roger Vignoles, que é codirector artístico do Ciclo de Lied compostelán.

Neste primeiro concerto poderemos escoitar a Roderick Williams, cun programa íntegro de Johannes Brahms. En concreto, escoitaremos as quince romanzas do seu ciclo de cancións opus 33 compostas a partir da novela curta de Ludwig Tieck titulada Die schöne Magelone (A fermosa Magelone), pezas que se interpretan en moi contadas ocasións.

Roderick Williams, barítono
Roderick Williams abarca un amplo repertorio, dende o barroco ata a música contemporánea, en ópera, concertos e recitais. Mantivo unha estreita relación coa Opera North e a Scottish Opera, particularmente asociada cos papeis para barítono de Mozart. En outono de 2007 foi aclamado polas súas actuacións como Papageno en A frauta máxica na English National Opera, éxito que repetiu en 2008 e 2009 cantando La bohème no Covent Garden. Ten participado en estreas de óperas como as de David Sawer, Sally Beamish, Michael van der Aa, Robert Saxton e Alexander Knaifel. Traballou con orquestras de toda Europa, incluidas as da BBC no Reino Unido, e participou nos festivais de Edimburgo, BBC Proms, Cheltenham e Aldeburgh.

Recentes e futuros compromisos inclúen o Conde (As vodas de Fígaro) na Scottish Opera, Ned Keene (Peter Grimes) no Royal Opera House, Goryanchikov (From the House of the Dead) na Opera North, Pollux (Castor and Pollux de Rameau) na English National Opera e After Life de Van der Aa no Melbourne State Theatre, ademais de concertos con Le Concert Spirituel, Royal Liverpool Philharmonic Orchestra, Manchester Camerata, BBC National Orchestra of Wales, Royal Scottish National Orchestra, The Hallé, Britten Sinfonia, King’s College, Ensemble Orchestral de París, Rias Kammerchor, Orquesta Sinfónica de Euskadi, Netherlands Radio Philharmonic, Danish National Radio Symphony Orchestra, Bach Collegium Japan, Pax Christi Chorale en Toronto, The Sixteen e London Philharmonic Orchestra. Tamén interpretou Cynara coa Filharmónica da BBC nos Proms deste ano, o Réquiem de Guerra de Britten co Maggio Musicale e Semyon Bychkov en Florencia e estreou O soño de Wagner, de Jonathan Harvey, coa Sinfónica de BBC. É así mesmo considerado un extraordinario cantante de recital que pode ser escoitado en salas e festivais como Wigmore Hall, Perth Concert Hall, Howard Assembly Room, Musikverein en Viena e en Radio 3, onde ten participado no programa Voces, de Iain Burnside.

Posúe unha extensa discografía e as súas gravacións de canción inglesa con Iain Burnside acadaron especial éxito. Tamén é compositor e os seus traballos foron presentados nas salas Wigmore e Barbican, a Purcell Room e, en directo, na radio nacional.

As entradas poden mercarse en entradas.novagaliciabanco.es ou no teléfono 902 434 443, así como na billeteira do Teatro Principal aberta de martes a sábado de 18.00 a 21.00h. O prezo é de 8 euros para as entradas soltas e de 18 euros o abono para os tres concertos.

Compartir: