COMERCIO

O comercio celebra a súa primeira feira urbana de oportunidades "Santiago Stock"

21/09/2012 A Concellería de Comercio, dirixida por Reyes Leis, xunto coas asociacións de comerciantes da cidade: Acotes, Compostela Monumental, Santiago Centro, Asociación de comerciantes do Barrio de Conxo e Asociación Em-Rede, organiza a primeira feira urbana de oportunidades Santiago Stock. O teu punto de encontro aos mellores prezos, onde poderán participar todos os establecementos comerciais polo miúdo da cidade, asociados ou non.

Baixo a lenda Santiago Stock, o Concello e o sector comercial da cidade promoven a primeira feira urbana de oportunidades onde os comercios participantes poderán liberar os seus stocks, ofertando os mellores produtos aos mellores prezos, pero sen saír da súa tenda, evitando así custes de desprazamento. O acción desenvolverase do 1 ao 6 de outubro.

A imaxe gráfica do programa, urbana e fresca, será o paraugas que ampare toda a campaña de difusión e comunicación da feira.

Entre as persoas que fagan compras neses días sortearanse cheques de compra para gastar nos comercios participantes. Así mesmo, distribuiranse 10.000 bolsas reutilizables coa imaxe do programa ás tendas, para que as entreguen aos clientes que fagan unha compra mínima, ata esgotamento de existencias.

A forma de inscrición é moi sinxela. Simplemente deberá cubrir o boletín de inscrición e envialo ao enderezo electrónico comercio@santiagodecompostela.gal, ou ben enviar un correo electrónico ao mesmo enderezo electrónico indicando os seguintes datos:

- Nome establecemento comercial
- Persoa de contacto
- Enderezo completo
- Teléfono de contacto fixo e móbil
- Correo electrónico de contacto

O prazo de inscrición ábrese o xoves 20 e remata o próximo día mércores 26 de setembro. Os días 28 e 29 os comercios participantes recibirán no seu comercio un pack con todo o material para participar na promoción: documento explicativo do programa e das bases do sorteo, vinilo identificativo para a seu establecemento, rifas, folletos e as bolsas reutilizables.

Para calquera dúbida ou consulta pode pórse en contacto coa súa asociación ou ben co concello no seguinte número de teléfono 981 542 493 ou correo electrónico comercio@santiagodecompostela.gal.

Compartir: