XUNTA DE GOBERNO

O Concello cede unha parcela na Choupana para a Escola Oficial de Idiomas

20/09/2012 A Xunta de Goberno aprobou a cesión gratuíta á Comunidade Autónoma dunha parcela para a construción da futura Escola Oficial de Idiomas. Na mesma sesión adxudicáronse as primeiras seis obras do Plan de Obras e Servizos 2012 da Deputación da Coruña.

Esta cesión dunha parcela no polígono 2 do SUP-5 da Choupana é "un paso máis no obxectivo de que Santiago teña unha nova Escola Oficial de Idiomas", apuntou a concelleira de Urbanismo, María Pardo, tras a comisión informativa na que tamén se tratou este asunto.

A parcela cedida, de 4.660 metros cadrados, está situada a carón do Centro Sociocultural de Santa Marta. Esta cesión será levada ao Pleno ordinario deste mes de setembro. Formalizada a cesión, a Xunta disporá dun ano para aceptar a cesión e de dous para iniciar as obras.

Seguindo co Urbanismo, a Xunta de Goberno aprobou definitivamente axudas por importe de 71.047 euros para a rehabilitación de vivendas da área de rehabilitación integral (ARI) de Vista Alegre, na súa cuarta fase. Correspóndense co edificio situado no número 2 da rúa de Boiro e permitirán a instalación dun elevador no mesmo.

Tamén se deu o visto bo inicial a outras axudas para a rehabilitación, neste caso do ARI do Casco Histórico (fase 12), por importe de 121.788 euros.

Medio Rural
En material de Medio Rural, adxudicáronse as primeiras seis obras de reforzo do firme en parroquias do rural incluídas no Plan de Obras e Servizos 2012 da Deputación da Coruña. As obras adxudicadas son:

- Reforzo do firme en Eixo de Arriba – Pereiras, 44.512 euros: dous tramos de 779 metros e reposición de catro sinais viarios.

- Pavimentación en Barciela e Polveira, 71.688 euros: dous tramos de 1.210 metros e reposición de 13 sinais viarios.

- Reforzo do firme en Lavacolla - Sabugueira, 63.866 euros: dous tramos de 1.050 metros e reposición de 16 sinais viarios.

- Reforzo do firme en Vilar de Outeiro – Verdía, 45.375 euros: dous tramos de 900 metros e reposición de 11 sinais viarios.

- Pavimentación nos núcleos de Garabal, Barral e Pereiro (San Miguel dos Agros), 108.484 euros: vieiro de 1.655 metros e reposición de oito sinais viarios.

- Reforzo de firme en Aríns, 80.352 euros: tres tramos de 1.120 metros e reposición de 13 sinais viarios.

Mobilidade
Outro dos asuntos da Xunta de Goberno foi a adxudicación do contrato para o subministro de tres autobuses para a flota de transporte urbano, financiados con Fondos comunitarios FEDER, por un importe de 600.000 euros. Segundo explicou a voceira da Xunta de Goberno, Paula Prado, estes vehículos utilizaranse para repoñer a flota, polo que se retirarán tres dos autobuses máis vellos.

Deportes
No ámbito de Deportes, adxudicouse por 49.156 euros o servizo de mantemento e conservación dos terreos de xogo dos campos de fútbol de San Lázaro I, San Lázaro II e zonas verdes anexas do campo de Santa Isabel e San Lázaro (SERGAS).

Parques e Xardíns
Finalmente, determinouse a empresa que se ocupará de rexenerar as areas naturais de Selva Negra e Monte de Deus, por importe de 29.000 euros.

Documentos relacionados



Compartir: