SEGURIDADE CIDADÁ

Seguridade Cidadá reforza o dispositivo policial para a noite do xoves

19/09/2012 A Concellería de Seguridade Cidadá vai reforzar o dispositivo policial para a noite de mañá xoves, 20 de setembro. Ante a previsible maior concentración de mozos e mozas por ser o primeiro xoves do curso, o Concello vai intensificar as medidas de control e seguimento que xa se veñen realizando habitualmente.

A prioridade seguirá sendo evitar o consumo de alcohol na rúa e, en especial, o consumo por parte de menores. Por iso, a Policía Local levará a cabo tarefas de identificación cando se detecte o consumo de alcohol na vía pública, realizando o procedemento habitual nestes casos.

Ademais das identificacións e de evitar as concentracións para o consumo de alcohol na vía pública, seguiranse facendo tarefas de control nos locais para evitar a venda de alcohol a menores. Tamén se reforzará o servizo de recollida do lixo para atender a maior concentración de residuos que se prevé para esa noite.

O concelleiro de Seguridade Cidadá, Albino Vázquez, fixo unha chamada á responsabilidade tanto aos mozos e mozas como ás súas familias e lembrou que o consumo de alcohol na vía pública é motivo de sanción. Así, neste ano 2012 téñense imposto ata o mes de agosto 166 sancións, das que 132 corresponden a infraccións á Ordenanza de Convivencia, Residuos e Limpeza Viaria e 34 a menores. A estas hai que sumar as 418 sancións tramitadas entre setembro e decembro de 2011 (373 infraccións á Ordenanza e 45 menores).

Compartir: