PARTICIPACIÓN CIDADÁ

Moi boa acollida das primeiras rutas de "Cultura Viva. Fai túa Compostela"

19/09/2012 O programa educativo Cultura Viva. Fai túa Compostela, promovido pola Concellería de Participación Cidadá e Centros Socioculturais, segue a programar rutas didácticas pola cidade e as parroquias de Santiago.

Este mércores desenvolveuse a segunda das rutas previstas, baixo o título "Polos balcóns de Compostela", unha visita a Santiago dende a perspectiva que ofrecen os balcóns e terrazas de dous edificios singulares da cidade .O percorrido comezaba no Pazo de Raxoi, para continuar pola Facultade de Historia.

O alcalde compostelán recibiu en Raxoi os participantes para convidalos a visitar os balcóns de Raxoi, tanto os que dan á praza do Obradoiro como os que teñen como vistas as Hortas e o Pedroso. Ángel Currás salientou a variedade de rutas que ofrece o programa e a dimensión artística e histórica dos mesmos.

Tamén o concelleiro de Centros Socioculturais, Francisco Noya, quixo participar da actividade e acompañou as 20 persoas que fixeron o percorrido. Salientou igualmente a variedade de rutas propostas e lembrou que a segunda parte do programa, de decembro a xuño, estará centrada nas parroquias do rural, cunha gran riqueza en moitos casos descoñecida.

Próximas rutas
A próxima ruta do programa, para a que aínda hai prazas, é do sábado 21 de setembro, "A cerca da cidade", que percorrerá unha parte da muralla da cidade, descubríndoa como elemento presente e oculto moitas veces en Compostela. A saída será dende o paseo central da Alameda, no palco da Banda.

E xa o mércores 26 de setembro, esta vez en horario de tarde, con saída as 18:00 horas, desde a praza de Fuenterrabía (ao carón da parada do autobús na rúa da Senra), o grupo realizará a ruta "Espazos de creación contemporánea". Os anotados achegaranse ao traballo dun artista contemporáneo, que explicará a súa obra artística no Furancho de Arte Contemporáneo da parroquia da Peregrina. Para esta ruta será preciso desprazarse en autobús urbano, polo que o custo do billete correrá por conta das persoas participantes.

O programa está rexistrando moi boa acollida. Así, nas dúas primeiras rutas cubriuse a totalidade das prazas ofertadas. Os veciños e veciñas interesados en participar poden inscribirse presencialmente ou por telefono nos centros socioculturais, tanto en horario de mañá como de tarde. Nestes momentos xa se inscribiron, en distintas rutas, 139 persoas, pero aínda hai prazas vacantes para todas as próximas rutas programadas.

Documentos relacionados

Direcciones relacionadas



Compartir: