PARQUES E XARDÍNS

Santiago estreará un novidoso parque infantil de integración

05/05/2006 Santiago contará a partir do martes 23 de maio, ás 19:00 horas, cun singular parque infantil, adaptado plenamente para o acceso dos nenos con diminucións físicas. O Parque da Constitución convértese no terceiro destas características co que contará a cidade, e únese aos da Alameda e de Fontiñas. O Concello investiu neste parque un total de 102.000 euros.

Cunha área de xogo duns 300 metros cadrados, é o maior dos tres e achegará ao Ensanche compostelán un singular e integrador espazo lúdico. O parque dispón dunha rampa que permite o acceso en cadeira de rodas e de andadores de todo tipo. Unha vez alí, os nenos poderán atopar dende o tradicional tobogán a diversos xogos educativos.

Entre as opcións máis tradicionais, no falta un funil de rede, unha corda vertical, unha parede para trepar ou unha barra para deslizarse. No eido educativo, os máis pequenos poderán divertirse xogos de clasificación, de imaxes, de abecedario e o vagabundo. A todo isto hai que engadir atraccións tan singulares coma un periscopio, unha cociña ou unha cabina de camión, na que non falta o volante, a caixa de cambios ou o acelerador. O espazo lúdico complétase cunha casiña con mobles e cun balcón.

Ademais deste parque, a concellaría de Parques e Xardíns prepara novas instalacións para os rapaces. Este mesmo mes está previsto que estean instaladas as áreas de xogo do parque de San Xoan de Vista Alegre. Destináronse 70.500 euros para este parque, que disporá de dúas zonas diferenciadas: unha para rapaces de dous a seis anos e outra para os nenos e nenas de seis a 12 anos.

Estes novos parques únense aos 45 que xa están activos na cidade. Nos vindeiros meses instalaranse máis espazos lúdicos e reporase o equipamento doutros. En particular, hai proxectos en marcha para Santa Marta, Ponte Maceira, A Peregrina e o Parque de Xixón.

Compartir: