ALCALDÍA

A celebración do 25º aniversario da declaración do Camiño como Primeiro Itinerario Cultural Europeo incluirá unha exposición sobre a peregrinación

17/09/2012 O alcalde compostelán, Ángel Currás, reuniuse en Raxoi co xerente do Xacobeo, José Paz. Entre outros asuntos, no encontro falaron dos actos previstos con motivo da celebración, o 24 de outubro, do 25º aniversario da declaración do Camiño de Santiago como Primeiro Itinerario Cultural Europeo.

Entre os actividades previstas con motivo de tal conmemoración, está previsto que o 23 ou o 24 de outubro se abra no Museo das Peregrinacións e da Cidade de Santiago unha exposición baixo o título "Memoria da peregrinación", organizada polo Xacabeo. Esta mostra unirase aos actos institucionais previstos para o 24 de outubro.

Ademais, cómpre lembrar que entre o 23 e o 24 de outubro haberá en Santiago unha reunión de xestores do patrimonio mundial, organizada en colaboración co Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España e o Ministerio de Cultura.

A propósito tamén do Camiño de Santiago, o alcalde felicitouse polo crecemento do número de peregrinos. Así, xa se contabilizan 154.000 a estas alturas, a só 26.000 de superar a cifra rexistrada no total de 2011. En particular, destacou o importante incremento dos peregrinos procedentes de Estados Unidos, Australia, Irlanda ou Xapón, o que anima a por en marcha estratexias de promoción nestes países.

Documentos relacionados



Compartir: