MEDIO RURAL

Luis Bello informou os veciños dos investimentos previstos no rural

16/09/2012 O concelleiro de Medio Rural, Alumeado Público e Abastecemento e Saneamento, Luis Bello, informou os representantes de 18 asociacións veciñais do rural de Santiago integradas en FERUSA, así como á directiva da entidade, dos investimentos e actuacións a executar polo seu Departamento nas parroquias compostelás neste 2012 e principios de 2013.

Estas actuacións consisten fundamentalmente en asfaltado de pistas, reforzos de firme, rebacheos, desbroces, saneamento e abastecemento e alumeado. Ademais, está en marcha o proxecto de creación de parques biosaludables en todas as parroquias e está previsto reemplazo dos sinais identificativos das parroquias por outros con códigos QR, incluíndo así información dos lugares de interese de cada parroquia.

Na reunión, celebrada no local social da Barciela, Luis Bello tamén lles propuxo aos representantes e directivos veciñais que procedan á elaboración dun informe detallando as prioridades das súas parroquias, unha vez sexan consensuadas cos veciños. Estas solicitudes serán tidas en conta pola Concellería de Medio Rural á hora de proxectar futuras actuacións con cargo aos orzamentos de 2013, tal como sucedeu cos de 2012. O edil atendeu igualmente as preguntas dos representantes veciñais, cos que departiu durante unhas dúas horas.

O rural de Santiago está integrado por 21 parroquias. As tres asociacións veciñais non presentes na xuntanza serán informadas persoalmente do contido da reunión polo concelleiro.

Compartir: