DEPORTES

A II Marcha Ciclodeportiva Cidade da Cultura homenaxeará a Ezequiel Mosquera

13/09/2012 O Multiusos do Sar acolleu a presentación da II Marcha Ciclodeportiva Monte Gaiás-Cidade da Cultura, que se celebrará o domingo 23 de setembro. A proba, organizada polo Club Ciclista Botafumeiro en colaboración co Concello de Santiago e un importante número de patrocinadores, servirá tamén este ano para homenaxear ao ciclista Ezequiel Mosquera.

O concelleiro de Deportes, Adrián Varela, presentou esta marcha, que na súa primeira edición, gañada por Iván Raña, tivo xa unha grande acollida. O edil expresou o seu desexo de que esta proba se consolide e que convoque a un importante número de participantes. O tope está nas 400 inscricións.

En canto á homenaxe a Ezequiel Mosquera, presente na rolda de prensa, agarda que "sirva de recoñecemento á súa traxectoria deportiva". Na primeira edición da Marcha, o homenaxeado fora David Blanco.

Os corredores concentraranse no Multiusos Fontes do Sar ás 8:40 horas do domingo 23 de setembro. A saída oficial da marcha producirase na praza do Obradoiro, realizándose o seguinte percorrido: Milladoiro, Pazos, glorieta Scala, Aluminos Cortizo, Extramundi, Lestrove, Alto de Bexo, Araño, subida Alto Pico Muralla (tramo libre), Noia, Alto de San Xusto (tramo libre), Bertamiráns, (tramo libre ata o final) e Santiago, con final no Monte Gaiás - Cidade da Cultura. En total, os participantes percorrerán 108 quilómetros.

Este ano non se admitirán inscricións no mesmo día, polo que os organizadores animaron aos interesados a inscribirse canto antes na proba.

Teléfono de contacto: 690 02 04 70. E-mail:ccbotafumeiro@hotmail.es

Compartir: