ALCALDÍA

Concello de Santiago e Paradores coinciden na necesidade de seguir potenciando a captación de turismo internacional

13/09/2012 O alcalde compostelán, Ángel Currás, e a concelleira de Turismo, Reyes Leis, reuníronse en Raxoi coa presidenta de Paradores de Turismo de España, Ángeles Alarcón. Ambos falaron de turismo e, en particular, das accións encamiñadas á captación de visitantes internacionais, cuxa presenza segue a medrar en Compostela.

A propósito dese turismo internacional, o alcalde indicou que, á vista dos datos, "estamos na liña correcta" de potenciar estes visitantes estranxeiros e de "buscar novos mercados". Indicou que non só é importante captar estes turistas –normalmente de alto poder adquisitivo- senón tamén lograr que prolonguen a súa estancia en Santiago.

Os datos xa ofrecidos por Turismo de Santiago respecto o crecemento do turismo internacional son tamén referendados polos do Parador do Hostal dos Reis Católicos, no que o número de clientes estranxeiros, no que vai de ano, medrou un 20% respecto ao ano anterior. Destacan neste incremento Estados Unidos, Reino Unido, Francia, Alemaña e Xapón, este último cun crecemento de ata un 90% cota de mercado do Parador, segundo apuntou Ángeles Alarcón.

Esta suba do 20% dos turismo internacional vén a compensar a caída do 7% do turismo nacional. Cómpre ter en conta neste análise que aproximadamente o 60% dos clientes do parador son estranxeiros.

Xa a nivel global, a actividade do Parador de Santiago medrou un 6,19% neste 2012 respecto do mesmo período do pasado ano. O índice de ocupación sitúase nun 63%, un 3,6% más que el mesmo período de 2011.

Cómpre lembrar que Turismo de Santiago ten marcado unha liña estratéxica dirixida a conseguir que o turismo internacional teña un maior peso na demanda turística da cidade. Así, están previstas accións promocionais en Estados Unidos, Xapón e Rusia, tres mercados considerados moi interesantes por tres razóns: son mercados con gran volume de poboación, son mercados cun alto potencial de crecemento turístico na cidade e son mercados con gastos por persoa moi superiores á media internacional. O obxectivo é captar a un turista de alto nivel económico para poder aumentar a media de gasto por persoa na cidade.

O primeiro semestre de 2012 foi o semestre con maior número de pernoctacións internacionais na cidade dende que o INE rexistra estes datos. Houbo 179.153, un 17,19% máis que no primeiro semestre do 2011.

Documentos relacionados



Compartir: