ALCALDÍA

A redacción do anteproxecto da depuradora será adxudicada a finais de setembro

12/09/2012 Antes de que remate o mes de setembro, o Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente adxudicará a redacción do anteproxecto da futura estación depuradora de augas residuais (EDAR) da Silvouta. Este é o compromiso que lle anunciou o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, ao alcalde compostelán, Ángel Currás, tras asinar un convenio de colaboración para a coordinación e intercambio en materia de información xeográfica e territorial.

Unha vez determinada a nova situación da depuradora no lugar do Souto, Concello, Ministerio, acuaNorte (Sociedad Estatal Aguas de las Cuencas del Norte S.A.), e Xunta seguen a traballar para axilizar os prazos da futura depuradora. Así, Hernández anunciou que, á vez que se sigue tramitando a declaración de impacto ambiental, para o 26 de setembro está prevista a adxudicación da redacción do anteproxecto da EDAR.

Ademais, Concello, Xunta e acuaNorte están perfilando os detalles do convenio que asinarán as tres partes para impulsar definitivamente esta infraestrutura. Hernández confía en que o acordo poida subscribirse a finais de 2012 ou principios de 2013. Neste sentido, o conselleiro explicou que, co fin de "non perder tempo", acuaNorte traballa en paralelo na tramitación ambiental e na licitación do proxecto. O obxectivo final é que a obra poida estar licitada no primeiro semestre de 2013, indicou.

O conselleiro adiantou tamén que este xoves se desprazará a Madrid para avanzar co secretario de Estado de Medio Ambiente no acordo ao que chegaron o presidente da Xunta e o ministro no mes de agosto para financiar obras ambientais en Galicia, entre as que se atopa a depuradora de Santiago.

Colaboración co Instituto de Estudos do Territorio
Santiago é o primeiro concello que se adhire ao convenio marco firmado entre a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e a Federación Galega de Municipios e provincias no pasado mes de maio, co obxectivo de compartir os medios técnicos para optimizar os recursos da administración á hora de producir e xestionar a información xeográfica para a cidadanía.

Segundo o convenio asinado entre o conselleiro Agustín Hernández e o alcalde Ángel Currás, ambas as dúas administracións comprométense ao intercambio de información xeográfica e territorial e a definición e organización do modelo de xestión compartida, establecendo mecanismos de colaboración e de coordinación de actuacións neste senso. Concretamente, o Instituto de Estudos do Territorio comprométese a prestar asesoramento e apoio técnico ao Concello de Santiago de Compostela en materia de integración paisaxística.

A Xunta de Galicia e o Concello acordan que a coordinación e o intercambio de información xeográfica e territorial se desenvolverá conforme aos seguintes puntos:

- Con respecto á infraestrutura cartográfica, toda a información xeográfica e cartografía oficial do Concello se realice a partir da información da infraestrutura cartográfica da Comunidade Autónoma e do Equipamento Xeográfico de Referencia Nacional, de acordo con estes criterios:

A realización dos traballos de cartografía deberá basearse nos datos das redes xeodésicas activas e pasivas, e de nivelacións definidas pola Comisión de Coordinación de Sistemas de Información Xeográfica e Cartografía da Xunta de Galicia (CCSIXC en adiante).

A toponimia presente nos mapas será a correspondente ao Nomenclátor de Galicia e nas bases de datos do proxecto Toponimia de Galicia.

As delimitacións territoriais usadas deberán ser as establecidas oficialmente pola Comunidade Autónoma e inscritas no Rexistro Cartográfico. Na medida do posible, utilizaranse os voos fotogramétricos do inventario de voos de Galicia.

- Con respecto á produción cartográfica, seguiranse os criterios das Normas Cartográficas aprobadas pola CCSIXC e compartir a produción cartográfica entre Administracións, evitando duplicidades.

- Rexistro galego de cartografía: promoverase que a cartografía oficial básica, topográfica e náutica ou derivada, así como a cartografía temática, se inscriba no Rexistro Galego de Cartografía. Este rexistro conectarase telematicamente co Rexistro Central de Cartografía do Consello Superior Xeográfico e os seus metadatos estarán dispoñibles a través do catálogo do portal da Infraestrutura Nacional de Información Xeográfica

Accesibilidade dos datos
A información xeográfica que poida producir ou manter o Concello estará accesible a través do portal da IDEG (Infraestrutura de Datos Espaciais de Galicia) a través del Portal IDEE (Infraestructura de Datos Espaciais Estatal) de acceso á Infraestrutura Nacional de Información Xeográfica e do portal propio do Concello.

A Infraestrutura de Datos Espaciais do Concello integrarase como un nodo local e a Infraestrutura de Datos Espaciais de Galicia, a efectos de compartir mediante procedementos estandarizados e interoperables a información xeográfica dispoñible.

Os administradores dos xeoportais IDEG e do Concello coordinaranse para asegurar o acceso mutuo aos servizos e para que se poidan difundir, con especial atención aos servizos de visualización de cartografía básica. Os xeoportais IDEG e do Concello poderán establecer procedementos de conexión entre os seus catálogos de metadatos a fin de asegurar unha actualización continua da información.

A Infraestrutura de Datos Espaciais do Concello e a Infraestrutura de Datos Espaciais de Galicia poden efectuar actuacións conxuntas de promoción, difusión e formación sobre as tecnoloxías, métodos, especificacións e normas para promover o desenvolvemento, uso e aplicación das infraestruturas de datos espaciais.

O Concello e a Xunta de Galicia darán acceso a través de Internet aos datos e información xeográfica baixo a súa competencia a través de servizos de información xeográfica de localización, visualización, descarga, transformación e de datos espaciais.

Estación intermodal
Preguntado tamén o conselleiro pola futura estación intermodal, dixo estar en "sintonía" co Concello na crenza de que o "AVE é unha oportunidade para Santiago, que non debe quedar atrás respecto ás outras cidades de Galicia no que se refire á súa estación". Así, apuntou a necesidade de avanzar, en colaboración co Concello e con ADIF, para lograr unha estación intermodal "lóxica, razoable e axustada ás necesidades da cidade",

Estas palabras foron referendadas polo alcalde, quen afirmou que se debe abrir unha "etapa de diálogo" para elixir "a mellor proposta para as necesidades da cidade": Neste sentido, lembrou que, malia terse feito unha valoración de proxectos arquitectónicos e terse escollido un –nun proceso no que non participaron nin Xunta nin Concello- "non hai aínda ningún equipo redactor que o teña adxudicado".

Compartir: